-Ribadeo superou xa os 10.000 habitantes, é de supoñer que isto para vostede como alcalde é máis que unha boa noticia.
En Ribadeo crece a poboación debido a unha serie de servizos que as familias ven como necesarios para unha boa calidade de vida. Por exemplo, existe unha educación accesible e con todos os elementos necesarios como son dous institutos, un colexio, unha escola infantil, logo, como actividade extraescolar unha escola de música con case 400 alumnos e a Escola de Idiomas, por tanto, a educación é un piar fundamental en Ribadeo. Logo están os servizos sanitarios e outras vantaxes como ter servizos moi cerca das persoas e isto converte a nosa vila nunha pequena cidade cómoda para vivir mais con todas as prestacións.
-Cales son as claves de todo ese dinamismo que está ofrecendo Ribadeo?
Esa é a palabra, dinamismo. Moitos consideran que todo son festas mais iso é unha vanalidade, unha falta de coñecemento do que é Ribadeo. Non son festas, son unha mostra de todo o tecido que hai na vila como é o sector servizos, o comercio, restauración, hoteis e empresas. Hai quen pode dicir: “Ribadeo non ten industria”. É posible que lle falte a grande industria, mais este concello ten 829 empresas, por tanto, a industria si creceu sen que a administración fixese moito en tempos pasados, porque o polígono industrial tiña que estar cheo e a xente foi buscando a vida, pois os prezos facían imposible mercar unha parcela. Agora si, con 35 euros metro cadrado esperamos que se concreten proxectos. Ribadeo ten dinamismo empresarial, turístico e cultural ben programado e iso porque estamos deixando a pel neste traballo, nun Ribadeo mellor.
-Todo isto foi o que presentaron en Fitur, a feira do turismo de todo o Estado.
O eslogan é ‘Ribadeo convida todo o ano’. Por que? Pois porque ás veces pensamos en nomes moi complexos e resulta que a maioría das veces o temos na punta da lingua. Ribadeo ten vida todo o ano dentro das nosas posibilidades pois non podemos ter unha programación de actividades como unha cidade grande. Porén, temos toda esta actividade porque temos unha administración que nos axuda, que é a Xunta. Outras administracións é posible que non saiban onde está Ribadeo por cuestións ideolóxicas, algo que me doe mais ben deitamos da Xunta e con iso tamén estamos creando moita vida.
-Sobre o novo centro de saúde, cales son as vantaxes que ofrece á poboación con respecto ao actual?
Este novo centro de saúde foi xestionado cando estabamos na oposición e agora xa o concretamos. Certo que as tramitacións burocráticas son enormes e complexa mais agora xa temos as pracelas e en breve pasarán á Xunta. O centro será construído no lugar recomendado polo SERGAS, nuns espazos abertos con conexión rápida á autovía. Cando se explica o centro de saúde debemos pensar nos minutos vitais dunha persoa. O centro de saúde actual e 061 están a unha distancia de 700 metros de distancia da autovía, iso son minutos vitais. A primeira decisión é a inmediatez e que dentro do centro de saúde estean ademais o 061 e o PAC e un espazo cómodo para aparcar. Desta maneira, non convertemos o centro de saúde nun punto de colapso para o tráfico, por tanto son vantaxes que inclúen a renovación da Avenida de América, sobre isto entregaremos a documentación en febreiro.
-Sobre as comunicacións no concello, comezando polo tren, cales son as demandas desde o goberno local?
Sobre o tren só direi que cando o Estado decida investir diñeiro agradecerémolo inmensamente mais até o momento non hai investimentos visibles na comarca. A autovía A-74, cero euros, o mesmo que o tren. Boto de menos os profetas da pancarta cando goberna o PP, agora non os vexo. O BNG, por exemplo, falaba dese camiño de ferro, pois máis ben é camiño de pedras porque agora mesmo non hai nada. O PSOE estará a outras cousas, mais podería haber un ancho de vía considerable, sobre todo para mercadorías necesaria para unha comarca como A Mariña. Ademais, todo aquel investimento programado polo anterior goberno acabou dilapidado, por tanto, alguén terá que dar explicacións. Eu levanto unha voz crítica con este goberno do PSOE que está a outras cousas. Tampouco a Deputación é que diga moito máis sobre os concellos.
