Ribadeo foi este sábado sede dunha nova cita do calendario deportivo galego coa celebración do Campionato Galego de Cross Xogade 2025-2026, que tivo lugar no campamento xuvenil A Devesa e reuniu a preto de medio milleiro de rapaces e rapazas procedentes de toda Galicia.
O evento contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, quen puxo en valor a importancia do cross dentro do programa Xogade, así como o papel do deporte en idade escolar como ferramenta clave para fomentar hábitos saudables desde as primeiras idades.
A cita estivo organizada polo Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, coa colaboración da A.D.E. A Mariña, o Concello de Ribadeo, Deporte Galego, Gadis, Clun e Club Atletismo Ribadeo.
Dende o Concello o edil Francisco José Silvent destacou “a importancia de acoller este tipo de eventos, tanto polo seu impacto no deporte base como polo retorno positivo que supoñen para a promoción turística e a hostalería local, reforzando a posición de Ribadeo como escenario habitual de competicións deportivas ao longo do ano”.
O Campionato Galego de Cross Xogade reuniu en Ribadeo a unhas 2.000 persoas, entre participantes e acompañantes.
