Máis de 800 persoas empregaron a Pancha, a moeda local de Ribadeo, durante os pasados meses de novembro e decembro. En total foron realizadas 3.213 operacións que supuxeron un movemento económico de máis de 216.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, cualificou de “todo un éxito” a campaña e fixo un balance “moi positivo”. Dixo que “a sétima edición da Pancha, a nosa moeda local, funcionou moi ben durante os dous meses nos que estivo en vigor esta campaña. Comezou o 1 de novembro e rematou o 31 de decembro. En total foron máis de 800 as persoas beneficiadas polos descontos nos máis de 80 establecementos de comercio e hostalaría de Ribadeo participantes”.
O rexedor subliñou que “durante os dous meses da campaña da Pancha leváronse a cabo 3.213 operacións coa moeda local, o que supuxo unha dinamización moi importante do tecido empresarial ribadense, que ascendeu a un movemento de máis de 216.000 euros. Desta cantidade, 46.168 euros foron aportados polo Concello de Ribadeo en concepto de subvención ao consumo e a cantidade restante polas persoas beneficiarias”.
Vega contou que “neste campaña que acaba de rematar, a semana con máis movemento de Panchas foi a do 24 ao 30 de novembro, que coincidiu co Black Friday, seguida pola do 15 ao 21 de decembro, esta última coincidindo coas datas fortes da campaña de Nadal. Con estes datos finais, podemos confirmar que a Pancha é un elemento moi importante na nosa economía local, especialmente no Nadal e que non deixa de cobrar importancia ano tras ano”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou que “a moeda local de Ribadeo, a Pancha, é un aliciente para fomentar as compras no noso comercio e o consumo na nosa hostalería. Por 30 euros cada persoa beneficiaria recibiu 40 panchas, que unidas aos descontos ofrecidos polas tendas durante o Black Friday ou durante o Nadal, supuxeron aforros importantes nesas operacións”.
E engadiu: “desde Acisa estamos satisfeitos de seguir colaborando un ano máis, e xa van sete, co Concello de Ribadeo nesta importante campaña dinamizadora da economía local”.
