O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), presenta a programación deseñada para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema: En Ribadeo, a violencia machista non ten lugar, nin escusa, nin silencio.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, subliña que “a programación deste ano busca implicar á comunidade ribadense desde múltiples ámbitos —educativo, social, artístico e cultural— para seguir construíndo un Ribadeo libre de violencias. Todas as accións pretenden reforzar a sensibilización colectiva e amosar que a igualdade é un traballo compartido, continuo e imprescindible.
Unha das accións centrais deste ano é o proxecto artístico Paraugas contra a Violencia, no que colaboran numerosos colectivos e entidades do municipio, como os centros de ensino: CEIP Gregorio Sanz, CEIP A Devesa, Sagrado Corazón, IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e CIFP Porta da Auga; asociacións: Asociación de Amas de Casa e Asociación de Mulleres Rurais do Norte; o Obradoiro Tecendo Igualdade rachando Violencias; a Escola de Música de Ribadeo; e o Centro de Día A Concordia.
As creacións realizadas estarán expostos na Praza de Abastos e na Oficina de Turismo, convertendo os espazos públicos nunha instalación colectiva e simbólica. O Concello agradece profundamente a colaboración e implicación de todas as persoas e colectivos participantes.
Manifesto
O 25 de novembro celebrarase un acto simbólico no que, baixo os paraugas decorados, se procederá á lectura do Manifesto Institucional do 25N.
A Concelleira de Igualdade destaca que “celebrar este acto arroupados polos paraugas representa a protección colectiva fronte á violencia machista e o compromiso da sociedade ribadense coa defensa dos dereitos das mulleres”.
Campaña educativa e de sensibilización: Postais
Tamén no ámbito educativo, o CIM desenvolveu durante estas semanas un obradoiro específico nos centros de ensino, impartido pola avogada e pola psicóloga do servizo, no que o alumnado elaborou mensaxes baixo o lema da campaña.
Este ano realizáronse tres tipos de postais: dúas delas protagonizadas polos Cocos de Ribadeo, que aparecen reivindicando o lema da campaña e reforzando a mensaxe de tolerancia cero coa violencia machista; e un terceiro modelo, máis libre e expresivo, pensado para permitir que o alumnado reflexionase e expresase o seu propio compromiso persoal contra a violencia.
As postais estarán expostas desde o 25 de novembro na antiga Oficina de Turismo, en horario por determinar, para que toda a veciñanza poida coñecer o traballo realizado.
A concelleira de Igualdade destaca que “esta mostra permitirá ver os mensaxes elaborados pola rapazada e pola mocidade, que tan sabiamente nos interpela e nos educa”.
Reparto de pegatinas entre o comercio local
Nestes días o Concello tamén fixo entrega entre o comercio e a hostalaría de Ribadeo dunha serie de pegatinas co lema da campaña. Trátase dun deseño no que aparece representada a Illa Pancha, símbolo recoñecible e querido desta vila.
Estas pegatinas teñen como obxectivo reforzar a presenza da mensaxe institucional e visibilizar o compromiso do comercio local e da hostalaría cun Ribadeo libre de violencia machista.
Actividades culturais
25 de novembro – 20:00 horas –Auditorio Municipal. Vitória, retrato dunha denuncia.
Trátase dunha peza de teatro autobiográfico que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz Iria Pinheiro cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba.
30 de novembro – 20:00 horas – Cine Teatro. Concerto Na Casa Deles, do cuarteto vocal Son de Corda.
O Auditorio Municipal acollerá o 30 de novembro o espectáculo Na Casa Deles, unha proposta artística que converte a poesía en música e que procura recoñecer o talento, a memoria e a voz das escritoras galegas.
Nesta ocasión, o cuarteto vocal Son de Corda ofrecerá un repertorio construído a partir de poemas de Marica Campo, Luz Pozo, Olalla Cociña, María Mariño, Xela Arias e Olga Novo, reimaxinados a través de harmonías vocais que realzan a súa forza literaria. Algunha das pezas está composta pola compositora ribadense Carme Rodríguez.
Trátase dun acto cultural especialmente significativo dentro da programación do 25N, que al e como subliña Begoña Sanjurjo “recoñece o papel fundamental das mulleres na creación artística e convídanos a reflexionar sobre a súa presenza, tantas veces invisibilizada, na nosa historia cultural”.
2 de decembro – 11:00 h – Auditorio Municipal. Espectáculo Golpes, con Estíbaliz Veiga. Inspirado na obra No solo duelen los golpes, de Pamela Palenciano. A actividade está Integrada no programa O Concello cos coles e orientada ao alumnado dos centros educativos. Pero se algún membro do público xeral desexa asistir, poderá facelo previa reserva contactando co CIM.
Con todas estas accións, o Concello de Ribadeo reafirma o seu compromiso cunha convivencia baseada na igualdade, no respecto e na tolerancia cero ante calquera forma de violencia contra as mulleres, lembrando que: “en Ribadeo, a violencia machista non ten lugar, nin escusa, nin silencio”.
