Que son os “Encontros terapéuticos para un envellecemento saudable e feliz” e como naceron?
Os Encontros terapéuticos para un envellecemento saudable e feliz son unha iniciativa da área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello de Ribadeo, pensada para ofrecer ás persoas maiores un espazo de relación, aprendizaxe e benestar emocional e social. Nacen coa idea de promover un envellecemento activo e positivo, axudando a previr a soidade e a fomentar a participación social e o auto-coidado. Teñen como obxectivo ofrecer acompañamento emocional, físico e social estimulando a saúde mental e física das persoas maiores, e ademais, chegando ás parroquias, que teñen máis barreiras.
Desde cando se desenvolven estes encontros?
Comezamos a organizalos de maneira continuada desde que chegamos ao mandato, aínda que a idea acabouse creandi coas experiencias do Programa “Preto de Ti” e o seu gran acollida. Desde entón, consolidáronse como unha actividade estable dentro da programación municipal dirixida ás persoas maiores e ao seu benestar integral. O noso obxectivo é seguir está liña de traballo onde a persoa é o centro de todo.
O nome indica a procura dunha vellez saudable. Enténdese tamén como unha vellez activa, verdade?
Exactamente. Cremos que unha vellez saudable non só implica benestar físico, senón tamén manterse mental e socialmente activo. Promovemos que as persoas maiores sentan útiles, participen, compartan experiencias e manteñan a ilusión por seguir aprendendo e gozando da vida sendo elas as súas propias protagonistas. Envellecer activamente é clave para manter a autonomía e a calidade de vida, tomando as súas propias decisións.
Como se desenvolven estes encontros? Como se van realizando?
Os encontros realízanse en formato de sesións por grupos , normalmente en espazos municipais ou centros sociais. Teñen unha estrutura dinámica: combinan charlas, exercicios prácticos, técnicas de relaxación, dinámicas de grupo e, sobre todo, momentos de conversación e reflexión compartida. Procúrase que sexan encontros participativos, onde cada persoa poida achegar a súa experiencia e sentirse escoitada.
Que tipo ou perfil de profesional ou persoa é a que imparte as charlas ou talleres?
Contamos con profesionais de diferentes ámbitos sociosanitarios xa que buscamos un enfoque multidisciplinar que aborde a saúde desde unha perspectiva integral: corpo, mente e relacións sociais. Neste caso concreto, estes encontros terapéuticos para a prevención da depresión e a soidade non desexada son abordados polo Doutor José Antonio Flórez Lozano, catedrático da Universidade de Oviedo cunha excelente traxectoria e moita experiencia no envellecemento.
Custa moito convencer ás persoas maiores de que poden ser activas e capaces nun momento vital que moitos asumen como de perda de aptitudes?
Ao principio pode custar un pouco, sobre todo por crenzas moi arraigadas en torno ao envellecemento que pode ir acompañado de sentimentos de tristeza, ansiedade ou soidade. Pero unha vez que participan e ven os beneficios, implícanse moitísimo. Descobren que seguen tendo moito que achegar, que poden aprender e gozar. O importante é ofrecerlles espazos onde sentan valoradas e escoitadas, creando unha relación de confianza e unha rede de apoio segura.
Cales son os principais temas que queren abordar con estes encontros e que resultados esperan? Se xa hai algún, cal é?
Trabállanse temas como a xestión emocional, a autoestima, a memoria, os hábitos saudables, a prevención da soidade e a importancia de manter unha vida activa e sobre todo de seguir gozando da vida. Os resultados están a ser moi positivos: vemos a persoas máis participativas, con mellor estado de ánimo e con máis rede social. Mesmo se xeraron grupos de amizade que continúan véndose fose das sesións, o cal é un logro enorme.
Que relación gardan os “Encontros terapéuticos” co programa Preto de Ti? En que consiste este último?
Ambos os programas están vinculados dentro da liña de intervención comunitaria da área de Benestar Social. Preto de Ti é un programa de acompañamento e atención personalizada dirixido a persoas maiores. Os Encontros terapéuticos son un complemento ideal, porque fomentan o contacto social e o benestar emocional en grupo e sáese da dinámica rutineira traendo cousas novas.
Existe algún tipo de apoio por parte doutras administracións: Deputación ou Xunta?
Si, contamos coa colaboración doutras administracións, en leste caso a Xunta, dentro de programas de envellecemento activo ou promoción da autonomía persoal. Desde aquí dámoslles as grazas por axudarnos tanto porque este tipo de programas carrexan grandes gastos e sen a súa axuda sería máis difícil levalos a cabo.
