Moitas foron as consultas realizadas no transcurso da charla sobre as novas normativas ás que terán que adaptarse empresas e autónomos a partires de 2026. Foi organizada por Acisa e impartida por Beatriz Irigoyen, consultora de Mariña Asesores.
Tres foron os eixes sobre os que xirou a conferencia: os pagos con bizum, o rexistro da xornada laboral e a factura electrónica. As pymes deben acudir ás súas entidades bancarias para poder cobrar con bizum. A factura electrónica entre empresas será obrigatoria a partires do 1 de xaneiro para aquelas empresas que estean suxeitas ao imposto de sociedades e a partires do 1 de xullo para o resto de empresas e autónomos, de aí a necesidade de informarse para adaptarse aos cambios que se aveciñan. A dixitalización é a grande protagonista de todos estes procesos. Este é o caso do rexistro da xornada laboral dos traballadores, que xa moitas empresas realizan a través do teléfono móbil. Beatriz Irigoyen insistiu en que “os empresarios teñen a responsabilidade de velar porque os traballadores rexistren como corresponde a súa xornada laboral, así como as horas complementarias e extraordinarias”.
Desde Acisa Ribadeo a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo que “a charla de onte suscitou moito interese entre as persoas asistentes, que puideron preguntar e intercambiar opinións co obxectivo de poñerse ao día tanto nas normativas en vigor como nas que están por vir”. E engadiu: “seguiremos apostando pola formación para as nosas asociadas e asociados”.
Premios Comercio Galego 2025
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, asistiu onte á entrega dos premios Comercio Galego 2025 nos que Acisa Ribadeo quedou finalista coa campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo.
Pérez Prada explicou que “onte asistimos en Santiago de Compostela á gala de entrega dos premios Comercio Galego 2025 onde Acisa Ribadeo finalmente quedou finalista, coa campaña, O noso comercio é vida, vive Ribadeo. Dende Acisa estamos moi satisfeitos do resultado, ser finalista xa é todo un éxito, representar a Ribadeo e ao seu comercio e ser escollidos como unha das tres mellores propostas de Galicia. Sabiamos da dificultade de obter o premio, primeiro porque a propia campaña xa se celebrou grazas ao premio de Comercio Excepcional da Xunta de Galicia, dotado con 50.000 euros, e que nos deran un segundo premio para ela, xa era moito. E en segundo lugar, pola excelencia das outras dúas categorías presentadas, tanto a campaña de ABE Boiro como a campaña gañadora do CCH de Viveiro, aos que queremos darlle os nosos parabéns. Dende Acisa Ribadeo seguiremos traballando con ilusión e compromiso para manter a Ribadeo como referente do dinamismo e da promoción comercial”.
E engadiu: “queremos felicitar tamén ao resto de gañadores e de finalistas das outras catro categorías e á Dirección Xeral de Comercio pola celebración do evento, pola nova marca e campaña do Comercio Galego, presentada tamén no dia de onte e que seguro se converterá nunha marca referente do comercio”.
