Nuns días darán comezo as obras de mellora dun novo treito da estrada da costa. O investimento ascende a 360.000 euros financiados pola Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, indicou que “seguimos mellorando e investindo nas nosas infraestruturas. Neste caso, vamos investir 360.000 euros no ensanche e na mellora da estrada da costa e tamén da circunvalación de Rinlo. É unha infraestrutura que levaba moitos anos abandonada, levábamos reivindicando por activa e por pasiva investir para mellorar esta estrada, onde convive perfectamente o tráfico rodado é a práctica de deporte, de relaxación, e polo tanto é un entorno natural que debemos conservar. É tamén unha carta de presentación de Ribadeo, é unha imaxe tamén que trasladamos e debíamos investir. Son 360.000 euros que financia a Xunta de Galicia”.
O rexedor anunciou que “comezarán as obras, que xa están licitadas, nos próximos días e seguimos investindo nas infraestruturas. Nesta estrada da costa, xa investimos nun tramo, dende Vilaselán a Rinlo, 370.000 euros e aquí axudounos o Plan Único da Deputación. Entón xestionar das administracións, investir para mellorar as nosas infraestruturas, claramente que é a nosa obriga, é o noso traballo constante e continuo para mellorar as infraestruturas e así pouquiño a pouco ir avanzando”.
Vega explicou que “neste caso son tramos que levan abandonados moitísimo tempo, no entorno das cetarias todos somos conscientes de que é complicado pasar ou no entorno do labirinto, onde hai unha pista aínda de terra, ou o acceso a Rinlo ou a variante, que en si é un bache constante. Era moi necesario investir aquí, levamos 2 anos, evidentemente todo non se pode facer de golpe, pero en 2 anos vamos ter toda a costa arranxada e así ir investindo noutras parroquias. Nestes momentos está planificado o Agader da Xunta, o Plan Único, e tamén todos eses convenios que estamos executando nestes momentos”.
E engadiu: “pouco a pouco vamos investindo, vamos mellorando e vamos chegando a todos os puntos onde hai unha dificultade ou onde certamente as infraestruturas levan tempo abandonadas”.
