InicioOrientalRibadeoVIII Xornadas Gastronómicas 'Asturias en Ribadeo'

VIII Xornadas Gastronómicas ‘Asturias en Ribadeo’

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, indica que “desde Acisa decidimos apostar de novo polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 24 ao 26 de outubro, como actividade dinamizadora da nosa hostalaría"

Publicada o

- Advertisement -

Todo está listo para a celebración da oitava edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que terán lugar do 24 ao 26 de outubro. Están organizadas pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) e contan coa participación de 13 establecementos hostaleiros.

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, indica que “desde Acisa decidimos apostar de novo polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do 24 ao 26 de outubro, como actividade dinamizadora da nosa hostalaría. Con esta iniciativa queremos render homenaxe ás nosas veciñas e veciños asturianos, que moitas fins de semana do ano achéganse ata Ribadeo a tomar os viños e os vermús, a comer, a cear, a pasear ou a comprar no comercio local. A presenza de quen se despraza desde Asturias é moi importante para nós e por iso decidimos seguir organizando estas xornadas, que chegan neste 2025 á súa oitava edición”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos ribadense, Jesús Pérez, sinala que “nesta ocasión son 13 os locais participantes, que ofrecerán tapas e menús con propostas típicas da gastronomía asturiana a última fin de semana de outubro. As diferentes elaboracións poderán atoparse nos seguintes establecementos hostaleiros: O Indiano, Bar Queimada, La Solana, A Quinta, Galipizza, Costa Verde, A Horta de San Roque, Mareta, San Miguel, Barallocas, Bar A Estacion, Arrancadeira e Mar de Rinlo”.

Pérez Prada explica que “as preparacións que ofrecerá cada un dos locais participantes poderán consultarse nas redes sociais de Acisa. Haberá diversas elaboracións que usan como base as fabas (con ameixas, con luras, con cogomelos, fabada, etc…), diferentes variedades de cachopos, racións, menús ou tapas especiais”.

Cruzado Iglesias destaca que “as xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo son desde o seu inicio un gran reclamo tanto para os residentes na Mariña lucense como no Principado, por iso é polo que vaiamos xa pola oitava edición. Queremos animar a asturianos e galegos a que fagan un oco nas súas axendas para achegarse a Ribadeo do 24 ao 26 de outubro”. A presidenta de Acisa engade que “calquera momento é bo para vir a Ribadeo, pero se aos nosos atractivos turísticos e comerciais engadímoslles a exquisita gastronomía asturiana estamos ante a fin de semana idónea para gozar do outono ribadense”.

TRICK OR TREAT

Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan o 25 de outubro unha nova edición da actividade infantil denominada Trick orTreat por locais asociados ao colectivo empresarial.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, comenta que “a actividade busca entreter e divertir aos máis peques da casa coa tradición anglosaxoa do famoso truco ou trato, con motivo da celebración do Samaín ou Halloween. A proposta, que se realizará en inglés, está dirixida tanto a alumnos como a non alumnos da academia de entre 3 e 9 anos, e terá lugar o día 25 de outubro pola mañá. Aquelas nenas e nenos que queiran participar deberán inscribirse na ligazón que poden atopar nas nosas redes sociais ou en Kids&Us”.

E engade que “desde Acisa Ribadeo gústanos poder crear este tipo de actividades, que divirten e entreteñen a péquelos da casa, e que ademais serven para que os seus papás e mamás poidan dedicarse un pouco de tempo a eles mesmos, por exemplo a facer unhas compras ou a tomar algo cun pouquiño de calma, ademais de ser unha actividade que achega aos máis peques da casa ao comercio local, co que todo iso implica. É moi importante, ademais concienciar desde a infancia aos futuros compradores da importancia que ten apostar polos negocios locais, onde traballan os papás das súas amigas e amigos, os familiares, as veciñas e os veciños do seu edificio. Os pobos teñen vida e son o que son grazas aos negocios locais”.

DOAZÓNS PARA A AECC

Más de trinta negocios asociados a Acisa Ribadeo colaboran nesta semana coa recollida anual de donativos da AECC con motivo da celebración día internacional da loita contra o cancro de mama.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, dixo que “un ano máis Acisa Ribadeo colaborará coa Asociación Española de Loita contra o Cancro. Nesta semana de outubro máis de trinta negocios asociados contan con huchas para a recollida de donativos destinados a este colectivo. Esta campaña desenvólvese coincidindo coa celebración do día internacional da loita contra o cancro de mama, que ten lugar o 19 de outubro, xornada na que as asociacións fan fincapé na importancia da investigación, da ciencia, da prevención e da saúde”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “se precisan recursos para estudar, investigar e previr esta enfermidade así como para tratar de acompañar ás mulleres que a sofren, por iso facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía a que acheguen o que poidan para esta importante causa. Xeralmente finalizamos esta campaña de recadación moi satisfeitos e gustaríanos este ano superarnos e que fose un novo éxito”.

ÚLTIMAS

Un ferido logo de envorcar un camión no Vicedo

O condutor dun camión resultou ferido este mércores no Vicedo (Lugo) tras saírse da...

Sanidade nega “graves deficiencias” en material nos centros de saúde da Mariña

A área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos saíu a desmentir...

O BNG de Foz alerta do atranco no desaugue na praia da Areoura

O BNG de Foz denuncia o mal estado da tubaxe que pasa por debaixo...

ACISA Ribadeo entrega os premios da campaña de San Valentín

ACISA Ribadeo sorteou e entregou este mércores os premios da campaña de San Valentín. Roberto...