InicioOrientalRibadeoConcello de Ribadeo e Deputación: polémica pola furgoneta do Club de Remo

Concello de Ribadeo e Deputación: polémica pola furgoneta do Club de Remo

Publicada o

- Advertisement -

O Club de Remo de Ribadeo conta cunha nova furgoneta para os seus desprazamentos. Nun primeiro momento, desde o Concello emitíase unha nota na que se recollían as palabras do alcalde, Dani Vega, onde sinalaba que grazas a esta acción dúas administracións, a municipal e a provincial se uniron para a adquisición deste vehículo.

O rexedor dixo, segundo recolle a nota de prensa enviada polo Concello: “conseguistes moito no aspecto deportivo, pero tamén en unir dúas administracións: Concello e Deputación, Deputación e Concello, que van colaborar para conseguir unha furgoneta. Eu quero agradecer a Dani García, deputado con responsabilidades no goberno da Deputación, e é fácil evidentemente entenderse con Dani García, pero hai que poñer en valor estas cousas e a Deputación neste caso fixo un gran traballo de colaboración coa entidade que tiña unha necesidade, que era unha furgoneta, e entre as dúas administracións fixemos posible solucionar o problema”.

Vega declarou: “convido a todas as administracións a seguir no mesmo camiño, o entendemento, a colaboración, porque o único que pretende o Concello é xestionar orzamento para que Ribadeo siga avanzando, e xestionar orzamento, evidentemente, para todas as entidades e tamén para as entidades deportivas”.

VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Unha vez emitida a nota de prensa municipal a Vicepresidencia da Deputación de Lugo enviaba unha nota onde sinalaba: “En relación coa información emitida polo Concello de Ribadeo sobre a adquisición dunha furgoneta por parte do Club de Remo de Ribadeo, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo” trasladaba unhas aclaracións.

Así, desde o departamento provincial indicaban que o pasado 1 de abril, a área de Mocidade asinou un convenio de colaboración co Club de Remo de Ribadeo para a adquisición dunha furgoneta.  Segundo o expediente, o importe do proxecto de compra da furgoneta é de 54.289,16€, dos que 40.000 son financiados pola área de Mocidade e 14.289,16 polo Club de Remo, con fondos propios.

Engadía tamén que o convenio da área de Mocidade estableceuse co Club de Remo da Ribadeo, que foi quen trasladou esta necesidade á institución provincial en reunións e encontros mantidos ao longo dos meses de decembro e xaneiro co deputado Daniel García, sen mediación algunha por parte do Concello de Ribadeo.

Seguidamente, a Vicepresidencia declaraba que “lamentamos que o goberno municipal de Ribadeo actúe unha vez máis con mala fe na súa relación coa Deputación de Lugo, apropiándose ademais, neste caso, da xestión e do traballo realizado polo Club de Remo de Ribadeo”. Por último, solicitan ao goberno municipal de Ribadeo un compromiso real co respecto e a colaboración institucional.

ÚLTIMAS

Mario Pillado: “Os que temos obrigas públicas debemos combater o discurso do odio”

-Cal foi a orixe destes premios contra a discriminación racial desde o Concello de...

Sanidade asinará un protocolo para ampliar o centro de saúde de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este pasado martes unha reunión de traballo...

Acusan de “transfondo político” as concentracións diante do Hospital de Burela

A dirección do Distrito Sanitario da Mariña asegura que, coa súa petición realizada o...

Constitúen a Comisión de Comercio de ACISA Ribadeo

En Acisa Ribadeo quedou constituída a comisión de comercio, que terá como obxectivos analizar...