InicioCulturaJosé María Leal: "O marqués de Sargadelos foi socio de corsarios"

José María Leal: “O marqués de Sargadelos foi socio de corsarios”

José María Leal Bóveda, licenciado en Xeografía, foi tamén profesor de Extensión da UNED en Pontevedra, levará a figura do corsario a Ribadeo este xoves 24 de abril da man da Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ademais de separar a figura do pirata da do corsario, tamén explicará como estes navegantes realmente eran empresarios "da pirataría legal", deixando fianzas a cambio de poderen atacar barcos inimigos. Ribadeo, durante dous séculos, foi un punto importante para o corso en Galicia, cousa que lle valeu ataques da mariña inglesa no século XVIII.

Publicada o

- Advertisement -

-A súa palestra sobre ‘pirataría ao corso’ fala sobre dúas figuras que se confunden habitualmente, o pirata e o corso ou corsario. Explique as diferenzas existentes entre estas figuras.

Un pirata é un fóra da lei, ten un barco e asalta, rouba, aborda ou mesmo asasina. Un corsario sería un pirata “legalizado”. É unha empresa, particular e comercial, onde un empresario aporta un barco armado pola Real Armada no estaleiro de Ferrol, no caso de Galicia. Ademais, o corsario recibe unha “patente de corso” pola Coroa para facer operacións de asalto e apreixamento contra barcos con pabillón de países cos que estás en guerra ou países aliados dos mesmos. Durante o século XVIII España entra en guerra máis de trinta veces contra Inglaterra polo dominio do mar, por iso era moi frecuente que os navíos de corso asaltasen barcos ingleses ou aliados seus como eran os portugueses. Así pois, a diferenza é grande, o corso é un pirata “legalizado” de quen saca proveito a mesma Coroa e o pirata é unha persoa fóra da lei. Non se podía ser corsario se non se tiña esa “patente de corso”, outorgada pola Coroa exclusivamente e durante o tempo que especificaba o contrato, e actuando contra os países inimigos e aliados, non se podía atacar a buques doutros países.

-Houbo corsarios galegos recoñecidos ou que tivesen renome dentro desta actividade?

Hai dous lugares clave a finais do XVIII, un deles é A Coruña que nesas datas vai perder o comercio colonial do que vivía a través do Real Consulado de Mar. Unha vez perdido o comercio directo con América desde A Coruña, os comerciantes dedicaranse ao “corso” e a trata de escravos africanos. Desta maneira, na Coruña hai un corsario moi afamado, Juan Francisco Barrié, quen, ademais de corsario, tamén participou na trata de escravos africanos. O propio Barrié pagará a construción en Nantes (Francia) dunha escuadra para o corso e a trata de escravos. Outros centros, maiores en número de operacións de corso eran Vigo e Pontevedra. En Vigo destacará Buenaventura Marcó del Pont, de orixe catalana. En Pontevedra destacan os Gago de Mendoza e Cosme de la Isla Cobián que destacou polos actos de corso que fan os seus barcos. Débese aclarar que esta xente armaba o barco en corso, é dicir, aportaban o barco con todo o que necesitaban, mais eles, normalmente, non ían en corso, contrataban un capitán e tripulación para facer a campaña. Estes armadores, agás un ribadense chamado Alejo Cotarelo quen arma en corso e tamén adoita ser capitán de corso doutro armador veciño de Ribadeo, Juan Francisco Cenzano. Este último era un madrileño que chega a Ribadeo sobre 1740 e alí casa coa boticaria. Durante esa década estala unha guerra contra Inglaterra polo incidente da “Orella de Jenkins”, nese momento Cenzano arma varios barcos en corso e un capitán que repite moito con el é Cotarelo.

-Como foi o desenvolvemento da vida ribadense ligada ao corso.

Ribadeo foi o porto máis importante do litoral cantábrico en disputa con Viveiro. Logo, Viveiro especializouse en pesca e de aí en salga de peixe e Ribadeo especializouse en comercio, sobre todo de liño procedente do Báltico e viños chegados do sur de Galicia. Durante a década de 1740 establécense un número importante de comerciantes e capitáns de navio procedentes de Asturias. Destacaba o armador e comerciante Villamil e un capitán destacable vai ser Agustín del Toral, de Lastres, quen irá para A Coruña cando este porto sexa importante co comercio con América, aínda que manterá a veciñanza de Ribadeo. Logo, cando A Coruña colapsa marchará a Vigo porque alí está o epicentro do corsarismo e do comercio con América. Outros comerciantes foron Raimundo Ibáñez (Marqués de Sargadelos), Ramón Santamarina quen logo irá para Santiago. Un capitán corsario de Ribadeo moi recoñecido foi Juan Alonso García e que logo foi para Vigo.

-O marqués de Sargadelos foi corso, por tanto?

Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, se non foi dunha maneira directa armando el os seus barcos, si participou como socio nalgunha empresa corsaria. En tal caso, até onde eu sei, si parece ser que foi socio financeiro dalgún corso desa actividade.

-Por outra parte, a Armada española e o Reino de España, aproveitaron ben a figura do corsario nas súas guerras?

Si, claro que si. A pesar de que os Austrias e os Borbón non fixeron moito caso á costa do Cantábrico, si sabían que eran puntos importantes. Un exemplo, na guerra en Flandes, cando os Países Baixos se estaban a independizar, os últimos portos onde a escuadra española facía víveres era nos portos do norte. Ribadeo terá unha actividade de estaleiros importante e de aí que fose un punto de atención da armada británica que atacaou varias veces, en 1719 case destrúe toda a vila. Os portos de Ortegal e A Mariña serán os últimos portos que verán antes de ir a Flandes ou a ultramar e os primeiros cando regresan. Dito isto, tanto Austrias como Borbóns non lles deron importancia aos portos do Cantábrico, unicamente para coller levas para a guerra, fornecer os barcos que ían a ultramar, sobre todo para coller froita para combater o escorbuto, e tamén en período de guerra importaba subir e cobrar impostos.

-Desde cando existía rexistro de construción naval na ría de Ribadeo?

A partir do século XVI e sobre todo, durante o século XVII, Ribadeo será un centro de produción de barcos importante. Xa dixen que os ingleses atacaron esta ría no século XVIII e logo atacaron Lieiro, parroquia de Cervo onde está San Cibrao. Isto debeuse a que no último terzo do século XVIII está operativa a fábrica de armas de Sargadelos que fornecía de grandas e pólvora ao arsenal de Ferrol. Foi nesas datas cando os corsarios comezaron a operar desde Vigo onde a actividade comercial e corsaria era moito máis intensa. Mesmo os corsarios franceses que operaban en Vigo terán en Viveiro e Ribadeo unha segunda base onde levarán os barcos apreixados e levalos inmediatamente a Francia para pagar as fianzas esixidas pola Coroa española.

-Daquela, a imposición ou os gravames españois debían ser moi altos.

Do corso a Coroa non quedaba con moita cousa, por que? Quedaba co quinto real, unha vez que se vendía esa empresa, a Facenda quedaba cunha quinta parte da venda. Mais o que lle interesaba á monarquía hispana era o labor de corsario, interromper as rutas dos ingleses para que non tivesen víveres para retroalimentarse.

-Por parte inglesa eran tamén corsarios os que atacaban ou a armada?

Había corsarios e tamén estaba a armada inglesa, o mesmo sucedía coa frota hispana. Un exemplo, Francis Drake foi nomeado “sir” pola raíña Isabel de Inglaterra para darlle batalla á corona española chegando á Coruña. Por tanto, tanto as armadas como os corsarios facían ataques.

-Unha curiosidade, había mulleres corsarias, que armaran en corso?

Si e unha foi Ramona Piñeiro, viuva dun comerciante ribadense que cando morre o home, será ela quen leve adiante as actividades de corso en clarísima colaboración cos corsarios de Vigo. Outra era a viuva de Villamil, que arma corso en Ribadeo mais tamén vai para Vigo.

ÚLTIMAS

Mario Pillado: “Os que temos obrigas públicas debemos combater o discurso do odio”

-Cal foi a orixe destes premios contra a discriminación racial desde o Concello de...

Sanidade asinará un protocolo para ampliar o centro de saúde de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este pasado martes unha reunión de traballo...

Acusan de “transfondo político” as concentracións diante do Hospital de Burela

A dirección do Distrito Sanitario da Mariña asegura que, coa súa petición realizada o...

Constitúen a Comisión de Comercio de ACISA Ribadeo

En Acisa Ribadeo quedou constituída a comisión de comercio, que terá como obxectivos analizar...