InicioOrientalRibadeoO BNG de Ribadeo convoca unha concentración diante do centro de saúde...

O BNG de Ribadeo convoca unha concentración diante do centro de saúde para o sábado

O obxectivo é reclamar a cobertura do servizo de pediatría e matrona todos os días da semana, así como da praza de medicina de familia vacante dende que a anterior profesional se xubilou en decembro do 2023

Publicada o

- Advertisement -

Este sábado 22 de febreiro ás 12h do mediodía o BNG de Ribadeo convoca unha concentración diante do Centro de Saúde en defensa da Atención Primaria.

O obxectivo é reclamar a cobertura do servizo de pediatría e matrona todos os días da semana, así como da praza de medicina de familia vacante dende que a anterior profesional se xubilou en decembro do 2023. Instarase tamén ao SERGAS a que proceda a cubrir de maneira inmediata as vacantes de medicina de familia que se van producir por xubilación nos vindeiros meses.

Hai un ano reclamaban ao SERGAS a presenza de pediatra todos os días da semana para dar cobertura á baixa da titular da praza. Isto fíxose cunha concentración veciñal e a través dunha moción no Concello dirixida ao SERGAS que contestaba “o servizo estaba garantido”. Calquera familia de Ribadeo e Trabada con nenos e nenas ao seu cargo sabe que isto non foi así salvo no momento que a pediatra se incorporou ao seu posto. Na actualidade o servizo de pediatría funciona escasamente o 50% do tempo, con dous profesionais que acoden ao centro a maiores da súa xornada habitual para dar un servizo mínimo que en absoluto é suficiente. Proba do mesmo son a imposibilidade de conseguir cita co pediatra a menos de 4 días vista, os aprazamentos continuos das revisións pediátricas, os múltiples cambios de citas xa axendadas…

A mesma situación estase a dar na consulta da matrona do centro, ausente por incapacidade temporal, e con substitución da profesional só un día á semana. A matrona é a profesional de referencia para atención á saúde maternoinfantil, sexual e reprodutiva da muller en atención primaria. Encárgase do consello afectivo-sexual, reprodutivo e contraceptivo da muller, dos programas de preparación prenatal e preparación completa ao parto, da atención aos problemas de saúde da muller no climaterio e menopausa, servizos que se están á negar ás mulleres de Ribadeo por unha mala xestión do Servizo Galego de Saúde.

Non menos importante é a situación dos cupos de medicina de familia do centro. Un deles leva vacante dende decembro do 2023, data na que se xubilou a anterior propietaria da praza. Isto provoca que os pacientes deste cupo sexan derivados cada vez que precisan atención a algunha das outras médicas do centro, negándoselles así o seguimento de saúde que debera garantir a Atención Primaria. Da plantilla de médicas de familia, dúas poderían xubilarse en calquera momento xa que están en prórroga voluntaria, e outras dúas teñen prevista a súa xubilación neste ano 2025.

ÚLTIMAS

Veciño de viveiro acepta un ano de cárcere por distribuír pornografía infantil

Un veciño de Viveiro aceptou un ano de cárcere por tenencia e distribución de...

Alcoa poderá deixar de ser “empresa en crise” a final de ano

Alcoa manifestou que a finais deste ano, no último trimestre de 2025, "poderá deixar de...

ACISA e Concello de Ribadeo asinan un convenio de colaboración cunha axuda de 20.000 euros

Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de colaboración anual que regula a...

V Edición do Enduro Monte Castelo en Burela

O Concello de Burela un ano máis a carreira Enduro Monte Castelo. A V...