Hoxe comeza o prazo para votar no proceso participativo de remodelación e modernización de Acisa Ribadeo, que estará aberto ata o vindeiro martes, 26 de novembro, ás 17:30 horas.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indica que “tras charla informativa celebrada onte, ábrese o prazo de votación anticipada. Os socios que así o prefiran poderán emitir o seu voto mediante esta vía, a través do correo electrónico ou do whatsapp. Pódeno facer desde hoxe mesmo e ata o mesmo día da asemblea, o 26 de novembro, ás 17:30 horas, respondendo o cuestionario que se lles fixo chegar e que será o mesmo que se realizará na asemblea presencial. Neste proceso de votación contémplase a posibilidade de resposta de SI ou NON. O cuestionario é o seguinte: 1ª Votación: Reforma dos estatutos: Está de acordo con a proposta de reforma dos estatutos presentada pola Xunta Directiva e por tanto a aproba? 2ª Votación: Da actualización de cotas: Está de acordo con a proposta de actualizar as cotas, tal e como se expuxo, presentada pola Xunta Directiva e por tanto a aproba? 3ª Votación: Do cambio na forma de cobranza das cotas: Está de acordo con a proposta de cambiar o período de cobranza de cotas, tal e como se expuxo, presentada pola Xunta Directiva e por tanto a aproba?”.
Pérez Prada destaca: “queremos incidir na importancia destas medidas e de que sexan aprobadas, para poder seguir crecendo e sobre todo para non poñer en risco o traballo conseguido, como a posibilidade de entregar materiais gratuítos todo o ano, os sorteos con vales de compra, viaxes, etc., cremos que se trata de propostas moi ben fundamentadas e por iso pedímoslles o seu voto afirmativo e o seu respaldo para as devanditas propostas. É importante sinalar que todos os puntos sometidos a votación, consideraranse aprobados se cada proposta é votada favorablemente por 2/3 dos socios que emitisen voto nalgunha das tres modalidades, votando polo menos o 55 % do censo”.
E lembra que “a parte do voto anticipado, existen 2 modalidades de voto máis: presencial, o mesmo día da asemblea e delegado: os socios que o desexen poderán delegar o seu voto noutro membro da entidade que asista á convocatoria do próximo martes. A votación realizarase mediante chamamento e será público, segundo o censo de negocios asociados, que estean ao corrente do pago das cotas”.
O xerente de Acisa sinala: “pedímoslles aos socios e socias que consideren o feito de participar neste proceso participativo e de votación non só como un dereito, senón case como unha obrigación. Queremos que voten e participen todos e todas os asociados, e debemos incidir en que non nos serve esa típica frase do que diga a maioría á miña váleme. Á directiva e á xerencia non nos serve esa resposta, todos e todas deben exercer o seu dereito a voto de forma individual”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, insiste en facer unha chamada á reflexión “a todas as nosas socias e socios. Queremos que analicen en profundidade o traballo e as actividades realizadas nos últimos anos desde Acisa Ribadeo e ao que variou o custo da vida. Todo sobe, todo increméntase. As cotas da asociación levan vinte anos sen actualizarse, co que cremos que xa toca poñerse ao día. Tamén é o momento de modificar e actualizar aos tempos que corren os nosos estatutos. Acisa é un referente no asociacionismo e na organización de actividades na comarca da Mariña, na provincia de Lugo e en Galicia. Se queremos manter o listón así de alto, habemos de tomar medidas como as que levaremos á asemblea o vindeiro martes”.
Cruzado Iglesias engade: “é moi importante a participación neste proceso e por iso tamén insisto en solicitar a ratificación e votación afirmativa nestas propostas. Aproveito a ocasión para agradecer a asistencia da vintena de asociadas e asociados que onte se achegaron ao Cinema Teatro a escoitarnos, a preguntar e a opinar”.