Acisa Ribadeo convoca unha asemblea xeral extraordinaria o martes 26 de novembro no Cinema Teatro ás 20:30 horas para abordar unha profunda remodelación da entidade. Ademais o 19 de novembro tamén ás 20:30 horas e no Cinema Teatro terá lugar unha charla informativa dirixida ás socias e aos socios sobre todo este proceso.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, explica que “tras meses de deliberación interna quixemos afrontar unha remodelación da nosa entidade, que cremos é necesaria para o seu bo funcionamento. Trátase dun proceso de actualización e modernización despois de 35 anos de vida. Hai uns meses iniciamos un período interno de elaboración de propostas e análises da situación actual de Acisa e agora é o momento de trasladarllas ás nosas socias e socios. Por iso, no día de hoxe fixémoslles chegar a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria, que se celebrará o próximo 26 de novembro ás 20:30 horas no Cinema Teatro. Xunto coa convocatoria, dispoñen tamén de todos os documentos sobre as propostas e un resumo de cada unha delas, para que os poidan ler con detemento e valorar. Ademais, para que os socios estean informados de todo este proceso o 19 de novembro ás 20:30 horas e tamén no Cinema Teatro realizarase unha charla informativa para explicar as propostas aos socios, sen esquecer que as poden consultar ou pedir unha copia en papel tamén nas oficinas de Acisa Ribadeo”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, indica o contido da asemblea xeral extraordinaria: “os asuntos para tratar, para levar a cabo esta remodelación son os seguintes: 1º) Situación económica e estado da asociación, no que expoñeremos cal foi o traballo deste ano, a situación económica actual e a evolución nos últimos anos. 2º) Informe e aprobación, se procede, da proposta de modificación de estatutos. Neste punto presentamos unha reforma completa e ampliada dos estatutos, actualizándoos á lexislación actual, así como aos novos tempos, ampliando os fins sociais e o labor de Acisa, así como múltiples aspectos do funcionamento interno como, por exemplo, a ampliación dos dereitos e deberes dos socios ou os procesos electorais, pasando os mandatos de 2 a 4 anos, entre outros aspectos que se quedaron obsoletos ou que non se contemplaban nos actuais estatutos. 3º) Informe e aprobación, se procede, da proposta de actualización de cotas da entidade. Neste punto, tras aproximadamente 20 anos sen modificarse, cremos que é o momento de actualizar as cotas á realidade dos custos que teñen as actividades e accións que desde Acisa levan a cabo. Trátase, dunha actualización de 5 euros ao mes para os socios de comercio e hostalería, que son os sectores que máis se benefician das campañas e actividades e de 2 euros ao mes para o sector servizos, xa que non se benefician da mesma maneira do noso labor. Esta actualización, sería equivalente a que nos últimos 20 anos en que as cotas non foron modificadas actualizáronse ao ano 3 euros e 1,20 euros en cada caso. 4º ) Informe e aprobación, se procede, para a modificación do sistema de cobranza de cotas e da política de devolucións. Trátase de cambiar o período de cobranza das cotas, pasando de ser mensuais a semestrais, co fin de que Acisa conte con liquidez suficiente practicamente todo o ano, e non teñamos que recorrer a produtos bancarios que nos xeran demasiados gastos. Estas cobranzas pasarían a facerse no mes de xaneiro e no mes de xullo, polo importe das cotas de medio ano cada unha delas. E, por último; 5º) Informe, do orzamento do exercicio 2025 para mostrar cales serán as liñas de traballo do próximo ano”.
E engade: “somos conscientes que unha actualización de cotas nunca é de bo agrado, pero gustaríanos explicarlles aos socios cal é a importancia desta medida, porque de non facelo, non só poderémonos estancar se non que poderiamos ter que ofrecer menos servizos. Para iso unhas pequenas cifras comparativas: no ano 2014 facíanse 14 actividades, en 2024 faranse 48. No ano 2014 non se entregaban materiais gratuítos, en 2023 entregáronse 80.000. En 2014 investíase en actividades a socios 42.000 euros, en 2024 investíronse 85.000 euros. Cremos que, con estas cifras, podemos convencerlles da necesidade de actualizar as cotas, para poder seguir crecendo e sobre todo para non poñer en risco o traballo conseguido, como a posibilidade de entregar materiais gratuítos todo o ano, os sorteos con vales de compra, as viaxes, etc…”.
Para facilitar a participación e votación do maior número de asociados e asociadas en todo este importante proceso o xerente de Acisa subliña que “se establecen tres modalidades de voto: presencial, o mesmo día da asemblea; delegado: os socios que o desexen poderán delegar o seu voto noutro membro da entidade que asista á asemblea; e anticipado: os socios que o prefiran poderán emitir o seu voto de forma adiantada, mediante correo electrónico ou whatsapp desde o 20 de novembro ata o mesmo día da asemblea, o 26 de novembro, ás 17:30 horas, respondendo ao mesmo cuestionario que se realizará na asemblea presencial. A votación realizarase mediante chamamento e será público, segundo o censo de negocios asociados, que estean ao corrente do pago das cotas. É importante sinalar que todos os puntos sometidos a votación, consideraranse aprobados se cada proposta é votada favorablemente por 2/3 dos socios que emitisen voto nalgunha das tres modalidades; votando polo menos o 55 % do censo”.
Pérez Prada conclúe: “de todo o que se vai a tratar nesta asemblea os socios deben saber, que se trata de propostas moi importantes, que se someterán a votación en asemblea e que eles como socios e socias, serán os que decidirán se levan a cabo ou non. Insistimos que se trata de propostas, non é nada imposto, nin se vai a aplicar salvo que así os socios decídano e aproben. De aí a importancia da súa participación neste proceso”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, fai unha chamada “á reflexión, á análise profunda do traballo e das actividades realizadas nos últimos anos e ao que variou o custo da vida. O papel encareceuse, os envases soben de prezo, o importe das iniciativas organizadas non é agora o mesmo que fai 3, 5 ó 20 anos. Todo sobe, todo increméntase. Por iso é polo que sexa necesario tomar medidas. Acisa é un referente na comarca, na provincia e en Galicia. O listón fómolo poñendo moi alto e pensamos que merece a pena mantelo”.
E engade: “en todo caso, esta é un proposta moi ben fundamentada, pero estará en mans das socias e dos socios de Acisa a súa aprobación para seguir avanzando. Como non podería ser doutra forma esta directiva acatará a decisión que adopte a Asemblea Xeral”.
