O 12 de outubro celebrarase en Ribadeo a II Feira do Mercado Social. Será de 11 a 20 horas. Haberá actividades de lecer e animación e parladoiros divulgativos.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explicou que “o vindeiro sábado, 12 de outubro, no entorno do parque de San Francisco, terá lugar a II Feira do Mercado Social organizada polo Concello de Ribadeo, unha actividade que está cofinanciada pola Rede EuSumo impulsada pola Xunta de Galicia e á que o Concello de Ribadeo está adherida. Tamén se conta para o seu desenvolvemento coa colaboración de REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia)”.
A edil ribadense indicou que “o obxectivo deste mercado social é achegar ao público outro modelo de economía centrado nas persoas, isto é actividades económicas privadas que operan no mercado tendo en conta ademais do interese económico outros fins como o medioambiental ou o social”.
Saiz contou que “a feira estará aberta ao público de once da mañá a oito da tarde e contará coa presenza de entidades de economía social que se achegarán cos seus produtos, servizos e proxectos amosando as súas iniciativas ao público. Ademais, ao longo do todo o día haberá actividades de lecer e animación como obradoiro e ludoteca para os máis pequeniños, circo e música. Tamén se desenvolverán charlas de divulgación e información sobre economía social e solidaria, favorecendo o coñecemento mutuo dos participantes e abordando temas como o emprendemento a través dos montes e a economía circular. A charla Montes que inspiran dará a coñecer diferentes modelos de xestión sostible dos montes que existen en Galicia. Á tarde poñerase o foco na intercooperación e o autobastecemento enerxético das comunidades de montes a través da charla Alumeámonos”.