O BNG de Ribadeo presentou este pasado venres unha moción, para debater no pleno da semana próxima, na que se insta ao goberno municipal a iniciar os trámites para a construción dun novo campo de herba artificial no entorno da piscina municipal e o Pepe Barrera.
Segundo explicou o voceiro do BNG ribadense, Pablo Vizoso: “Nos últimos anos foise facendo máis forte a necesidade de ter outro campo para poder cubrir a demanda e para manter en bo estado os que xa temos de herba natural. No noso programa levábamos esta iniciativa, e inda desde a oposición, queremos cumprir co prometido e con Ribadeo e ser propositivos e útiles para a veciñanza. O anexo do Pepe Barrera é o lugar máis axeitado por varias razóns. En primeiro lugar, porque está nun lugar de fácil acceso da vila, facilitando así o transporte para os pais e nais. En segundo lugar, porque podería ser feito en varias fases, aproveitando as instalacións deportivas xa existentes e dando máis flexibilidade en canto as partidas orzamentarias. E en terceiro lugar porque completaríamos a zona deportiva de Ribadeo xuntando nun mesmo lugar a piscina, campos de fútbol, pistas cubertas etc.”
Para rematar, Vizoso engadiu: “Nos mandatos anteriores Ribadeo avanzou notablemente en materia deportiva e agora, cunha terceira parte do mandato cumprido, resulta necesario dar solución a esta cuestión. Agardamos o apoio maioritario a esta cuestión, coa xenerosidade necesaria nun asunto tan importante para o noso concello.”