A xunta directiva de Acisa segue co seu traballo, despois de ser proclamada onte na asemblea celebrada no Teatro.
Ao recente proceso electoral so se presentou unha candidatura. Os integrantes da directiva son: Carmen Cruzado Iglesias, de Faro Norte Comunicación, como presidenta; Virginia Ezeiza Baltar, do Gastrobar Mareta, como vicepresidenta; Manuela Torviso Pérez, de Lencería Torviso, como tesoureira; Felipe Fernández Barcia, do restaurante A Horta de San Roque, como secretario; José Ramón Leal Segura, de Galería Terra Branca, como vocal; María Teresa Iglesias Basanta, de Hotel Restaurante Javier Montero como vocal; e Trinidad Otero Franco, de SiñeiroHogar, como vocal
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “a xunta directiva é continuista co obxectivo de levar adiante proxectos que temos en marcha e nos que levamos traballando meses. Temos nova incorporación: Trini Otero, á que lle damos a benvida. E ás outras compañeiras e compañeiros quero darlles as grazas polo seu traballo e apoio ao longo destes dous anos, que levamos na xunta directiva de Acisa Ribadeo”.
Cruzado Iglesias sinalou que “traballamos pensando no mellor para as nosas asociadas e asociados e no mellor tamén para Ribadeo, porque iso redundará en todos nós. Tentamos facelo o mellor posible. Non sempre se consegue, porque nunca chove a gusto de todos. Pero o noso empeño, o noso esforzo e o noso tempo poñémolo a disposición de Acisa”.
A presidenta de Acisa ten palabras de agradecemento para as 170 socias e socios do colectivo empresarial ribadense: “grazas tamén ás socias e socios por estar aí, por axudar, por apoiar e por comprender. Esta xunta directiva está aberta a escoitar todas as propostas, as melloras e as críticas que nos queiran facer chegar. Por diante temos dous anos de traballo”.
Carmen Cruzado anunciou a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria para o mes de novembro: “coa intención de presentar os orzamentos de 2025, para informar da situación económica de Acisa e para abordar cuestións de índole interno que queremos expoñer e consultar”.
Charla Adapta Local
APE Galicia e a Xunta achegan a Ribadeo o Programa Adapta Local coa colaboración de Acisa Ribadeo para Impulsar o comercio local.
Segundo explicou Jesús Pérez, xerente de Acisa, “o vindeiro luns, 23 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas terá lugar na Casa del Viejo Pancho unha charla dirixida os comerciantes de Ribadeo sobre o programa da Xunta Adapta Local, que foi deseñado para fomentar o consumo nos negocios locais de Galicia de maneira sostible e competitiva, así como para potenciar a comercialización do produto galego. O programa Adapta Local ten como obxectivo ofrecer formación especializada tanto presencial como telemática aos comercios locais e rurais de Galicia. A formación centrarase en iniciativas innovadoras que favorezan a comercialización do produto galego, abarcando unha ampla gama de temas relevantes para o sector. Entre os contidos das formacións inclúense: transformación dixital; venda en liña e xestión de redes sociais; atención ao cliente e tendencias de comercio; finanzas e xestión de inventario e economía circular e compromiso social. As empresas interesadas en participar no programa poden ver máis información e inscribirse a través da seguinte ligazón: https://apegalicia.es/adapta-local”.
Premios Volta ao Cole
Desde Acisa Ribadeo lembran tamén que aínda poden ser reclamados os premios da campaña da Volta ao Cole. Pérez Prada lembrou que “os números agraciados son o 1.116, entregado en Os Irmandiños e que corresponde ao premio dun colgante de prata de lei exclusivo con madreperla cortesía de Galería Terra Branca; o 2.791, que foi entregado en Hola Ola e que corresponde ao reloxo Time Force modelo Status Chrono, valorado en 300 euros, doado por Xoiería Azabache; e o 868 que foi entregado en Kids&Us, valorado en 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo. As persoas posuidoras das rifas gañadoras teñen ata o dia 27 de setembro para reclamar os seus premios nas oficinas de Acisa Ribadeo en horario de 09:30 a 14:30 horas”.
E engadiu: “aproveitamos lembrar a veciños e visitantes de Ribadeo que poden desfrutar das Panchas para facer as súas compras e consumicións no comercio e na hostalaría ribadense, nos mais de 90 negocios participantes, dos que preto do 70% son asociados a Acisa Ribadeo”.