IniciosociedadeSandra Saavedra, CAMP Ribadeo: “As persoas maiores nin son xente caducada nin...

Sandra Saavedra, CAMP Ribadeo: “As persoas maiores nin son xente caducada nin están de rebaixas”

A Asamblea Xeral da ONU, designou o 15 de xuño como Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e o Maltrato na Vellez. Por iso Sandra Saavedra, do CAMP "A Concordia" de Ribadeo explica o motivo da cadea humana celebrada ese día na vila do Eo e tamén como debemos posicionarnos as demais persoas con respecto á xente maior quen son parte integral da sociedade en que vivimos.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales foron as actividades que envolveron o Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e o Maltrato na Vellez en Ribadeo?

Xa levamos moitos anos gozando desta xornada porque é unha data sinalada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para tomar conciencia sobre a xente maior. Este ano queríamos facer algo distinto porque as persoas maiores contribuíron durante toda a súa vida a fornecer a nosa situación actual. Actualmente, como estamos nunha sociedade tan rápida, tan produtiva, as persoas maiores é como se quedasen nas marxes. Por iso, quixemos realizar un acto de visibilización trazando unha cadea de persoas até o centro da vila simbolizando a comunidade. Non conseguimos completar a cadea, non se completaron uns 200 metros mais aínda temos a ilusión de poder completar a cadea en vindeiras edicións.

-Como materializa a sociedade actual ese maltrato e abuso cara as persoas máis maiores?

Hai abusos que son visibles porque son estafas cara a xente maior e outro tipo de violencias. Ao final é: onde colocamos a dignidade das persoas maiores? Onde está a súa dignidade? Seguen sendo persoas que nin están de rebaixas nin están caducadas, por tanto, ese abuso nace desde varias posicións: desde despersonalizalos totalmente, non respectar a lingua en que se manifestan, como debera ser o trato dunha persoa con todas as súas capacidades ao cen por cen cara unha persoa maior? Con condescendencia, con paternalismo ou trátoa como unha persoa igual? No centro facemos que todas as persoas sexan partícipes de todas as actividades e isto ten moito traballo. Debemos preguntar: que demandas tedes e demandades ao resto da sociedade? Que queredes para sentirvos ben? A resposta é: “queremos que nos escoiten”. Non queren oír algo banal, queren involucrarse e non ser suxeitos pasivos. Queren respecto para toda a súa biografía.

-Entón é como se faltase algo no trato a esas persoas.

Cando falamos, por exemplo, de aumentar a calidade de vida das persoas maiores é un concepto moi baleiro pois ao final non ten contido, falta algo fundamental que é a valoración propia desa persoa. Como valora esa persoa o seu propio benestar? Cada quen ten un concepto diferente do benestar, uns desexan bens materiais e outras persoas queren relacións interpersoais sólidas e que me garantan unha autodeterminación sólida. A xente maior ten moito que aportar.

-De onde pode vir o maltrato?

Son datos que non temos mais ese maltrato existe. Non se pode pensar “eu sei o que necesita a xente maior”, temos que poñernos ao pé deles e descubrir cales son os seus desexos e a todo o que compón toda a súa traxectoria vital. Como sociedade cal é o peso das persoas maiores para nós? Á parte, o benestar debe ser individualizado para cada unha destas persoas. Por outra parte, e algo moi importante, estas persoas son depositarias da nosa memoria colectiva e forman parte do noso patrimonio inmaterial, que é riquísimo.

-Como se pode traballar con esta xente maior para que ese patrimonio inmaterial non se perda?

Nós traballamos moito a historia de vida das persoas porque facilita a elaboración dos plans individuais de atención. Non é o mesmo a historia dun mariñeiro no Gran Sol que a dunha muller que foi nai solteira traballando de costureira. Nós facemos documentos, gravacións que logo lles gusta moito velos e logo participan na edición dos mesmos documentos. Son actividades moi necesarias porque un día a ausencia estará aí e as familias agradecen moito ese tipo de documentos.

ÚLTIMAS

Expomar está presente na ‘Feira Expomar de Cabo Verde’

A Fundación Expomar colabora coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia na “Feira...

‘No Nadal, ti iluminas Ribadeo’ campaña do Concello e Acisa

Concello de Ribadeo e Acisa presentan a campaña No Nadal, ti iluminas Ribadeo co...

Judas Priest estreará no Resurrection Fest o seu novo traballo ‘Invincible Shield’

A banda británica Judas Priest actuará no Resurrection Fest de 2025, en Viveiro, onde...

Nova sinalización no polígono de Landrove, en Viveiro, para mellorar a seguridade viaria

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro, responsable da área de Obras, pon...