InicioOrientalRibadeoRibadeo rexistra unha ocupación hoteleira do 85% en Semana Santa

Ribadeo rexistra unha ocupación hoteleira do 85% en Semana Santa

A concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, subliñou que “a ocupación hoteleira durante estes días roldou preto do 85%. Obsérvase un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior"

Publicada o

- Advertisement -

Ribadeo rexistrou unha ocupación hoteleria do 85% durante a Semana Santa. Polas oficinas de turismo pasaron arredor de 2.850 persoas. Os datos foron presentados polo alcalde, Dani Vega, e pola concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz.

A edil ribadense contou que “rematada a Semana Santa podemos dicir que o total de viaxeiros atendidos nas nosas oficinas de turismo foi de 2.850 persoas. A do centro abriu todos os días en horario de mañá e tarde contabilizando un total de 690 persoas. Os días de maior afluencia foron o xoves e o sábado con arredor de 180 visitantes por xornada. O punto de información turística da praia das Catedrais, que tamén abriu todos os días en horario de mañá e tarde, rexistrou un total de 2.154 persoas. E aquí o día de maior afluencia foi o venres con 575 persoas”.

Saiz dixo que “a maior parte dos viaxeiros que visitaron o noso concello foron nacionais e procedentes das comunidades de Madrid, Castela-León, País Vasco e Galicia. E no caso do turismo internacional destacan os visitantes chegados desde Alemaña e Arxentina”.

A concelleira de Turismo subliñou que “a ocupación hoteleira durante estes días roldou preto do 85%. Obsérvase un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior, que moi probablemente fose provocado polas adversas condicións meteorolóxicas que chegaron a provocar o peche da praia das Catedrais o xoves e o venres. Esta foi unha decisión consensuada coa administración autonómica e cos técnicos e profesionais. E desde logo foi unha decisión adoptada desde a responsabilidade, a prudencia e baixo un criterio único, que é velar pola seguridade das persoas”.

Marta Saiz seguiu a relatar que “co fin de seguir potenciando Ribadeo como destino turístico, de cultura e de natureza organizáronse novamente visitas guiadas gratuítas, que se dividiron en tres grupos, dependendo da ubicación e do percorrido: as visitas polo casco histórico, as visitas xeolóxicas polo litoral coñecidas como Xeorutas e por primeira vez as visitas ao Forte de San Damián, que espertaron grande interese por parte de quen nos visitou e tamén de moitos ribadenses. Aproveito a ocasión para agradecerlle o cariño, a boa disposición e todo o traballo desinteresado realizado todos estes días no Forte a Alberto Paraje. E tamén agradecer a todo o equipo da Área de Turismo e tamén aos guías que traballaron con nós a súa profesionalidade e a súa entrega durante este período vacacional”.

Para o alcalde, Dani Vega, “a praia das Catedrais foi un exemplo nesta Semana Santa de seguridade. Todos os que acudimos a un punto turístico queremos que as administración velen pola seguridade. Fronte a datos moi positivos turísticos está sempre a seguridade das persoas e iso foi o que quixemos facer desde o Concello en colaboración coa Xunta de Galicia”.

O rexedor lembrou que “a praia das Catedrais estivo pechada uns días e creo que se fixo ben. Temos que velar pola seguridade. Unha persoa ten que ter unha completa tranquilidade no momento no que entra nun espazo natural, no que a climatoloxía manda e as administración deben ser responsables e velar pola seguridade das persoas”.

O alcalde tivo palabras de agradecemento “para os vixiantes e para os guías das praia das Catedrais, porque fixeron e fan un traballo moi importante, moi serio e cunha responsabilidade maiúscula e polo tanto estamos moi agradecidos. Tamén aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, á Garda Civil, á Policía Local, ao servizo de Emerxencias, que sempre estamos coordinados por si pasa algo, e tamén lle quero dar as grazas á Xunta por estar en coordinación con nosoutros”.

Vega tamén subliñou “o espazo natural da Illa Pancha, esa oleaxe que houbo eses días, onde moitos surfistas aproveitaron a ocasión e moitos turistas acudiron a ese espazo marabilloso, onde visualizamos perfectamente un mar bravo, pero moi atractivo. Nestes dous espazos naturais debemos seguir traballando de xeito coordinado e sempre velando pola seguridade das persoas”.

ÚLTIMAS

As Festas do Carme en Porcillán contarán coa colaboración do Concello de Ribadeo

Do 19 ao 21 de xullo celébranse en Porcillán as festas do Carme, que...

Viveiro presenta unha APP que permite ver en 3D as antigas portas da vila

O Concello de Viveiro presentou esta mañá a súa nova APP, que permite experiencias...

X Edición da 1/2 km Vertical Monte Comado en Barreiros

O vindeiro domingo, 21 de xullo, Barreiros acollerá a décima edición da carreira popular...

As xornadas de Historia da Pomba do Arco en Foz abordarán desde a romanización até o nazismo

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acolle entre 29 de xullo...