InicioOrientalRibadeoACISA Ribadeo prepara a Semana Santa que inicia a tempada turística local

ACISA Ribadeo prepara a Semana Santa que inicia a tempada turística local

Segundo anuncia Carmen Cruzado, presidenta de Acisa: “a Semana Santa xa está aquí e desde Acisa temos todo preparado: materiais turísticos, ampliacións horarias, aperturas en festivos e campañas de promoción”.

Publicada o

- Advertisement -

Acisa Ribadeo prepárase para a Semana Santa, coa que considera que arrinca a tempada turística local. As expectativas son moi boas para a hostalería. Segundo anuncia Carmen Cruzado, presidenta de Acisa: “a Semana Santa xa está aquí e desde Acisa temos todo preparado: materiais turísticos, ampliacións horarias, aperturas en festivos e campañas de promoción”.

Cruzado Iglesias subliña que “desde Acisa Ribadeo xa temos todo preparado para dar comezo á Semana Santa e por tanto a tempada turística ribadense. Estamos de cheo metidos en faena entre hoxe, 22 de marzo, e o 31 Ribadeo será un referente turístico indiscutible. E a partir de aí pódese dicir que a tempada turística continua, xa sabemos que en abril se celebra o Tapeo do Concello de Ribadeo, cita que atraerá visitantes á nosa localidade e posteriormente en maio temos 2 pontes festivas o do 1 de maio e o das Letras Galegas. E inmediatamente despois o calendario complétase con diferentes torneos deportivos nas fins de semana, que encherán Ribadeo de visitantes ata o comezo do verán, momento no que chegaremos ao culmen da tempada alta”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indica que “un ano máis con motivo da Semana Santa, Acisa Ribadeo pon ao dispor dos hoteis asociados mapas turísticos da nosa localidade, para que os poidan entregar aos seus hóspedes. Estes mapas poden ser solicitados por todos os negocios que desexen contar con eles para informar os turistas que acudan a eles para solicitarlles información, mentres fan unhas compras, toman algo, comen nalgún dos nosos locais etc. Non debemos esquecer que, nunha localidade como a nosa tan turística, todos exercemos de anfitrións e informadores turísticos, desde o persoal dos propios hoteis, ata as tendas, bares, restaurantes e demais empresas. Da mesma maneira para os hoteis asociados, contamos con pases para que poidan facilitarlles a entrada á praia das Catedrais aos seus clientes”.

E engade: “as expectativas para a Semana Santa deste 2044 son boas. Sabemos, a través dos nosos asociados, que hai hoteis con bos datos de ocupación especialmente para os días festivos. Durante o resto da semana a ocupación hostaleira en Ribadeo tamén será moi importante, tal e como nos comentan desde algúns establecementos. Moitos turistas empezarán a chegar a partir desta fin de semana para pasar uns días na zona”. Pérez Prada lembra que “ademais esta semana Santa a hostalería local poderá gozar dunha ampliación horaria de 2 horas sobre o seu horario habitual desde a madrugada do día 23 ao día 31 de marzo. Desta maneira os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00 horas e os pubs das 04:00 ás 06:00 horas da madrugada”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, aclara que “é importante lembrar que estas ampliacións horarias obtéñense grazas á solicitude que desde Acisa Ribadeo tramitamos para que os nosos negocios poidan traballar máis horas e por tanto beneficiarse do aumento da afluencia turística prevista para estes días”. E engade que “respecto a as aperturas do comercio nos días festivos en Ribadeo, debemos indicar que unha gran parte abrirá as súas portas o Xoves Santo para poder atender aos nosos veciños e visitantes. O venres o comercio estará pechado e a fin de semana, os días 30 e 31 de marzo, traballará no seu horario habitual. Vivimos a primeira tempada alta do 2024 e esperamos que sexa o máis frutífera posible para Ribadeo, para o seu comercio, os seus restaurantes, os seus hoteis e os seus servizos, porque iso será moi positivo para todos os negocios e para a economía local”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos manifesta que “Ribadeo é un destino turístico cada vez máis importante no norte deste país. A nosa ría, a súa zona vella, o seu comercio, a súa gastronomía, a praia das Catedrais… fan as delicias de quen vén a visitarnos. Ribadeo ten moito que ofrecer: mar, montaña, cultura, tradición, o saber facer das súas xentes. Ribadeo é e seguirá sendo un referente comercial e hostaleiro na comarca da Mariña e no Occidente asturiano. Isto é o que estivemos promocionando e seguimos facendo durante todo o mes, a través da campaña, Ribadeo o centro comercial coas mellores vistas, para fomentar que, especialmente os nosos veciños de Galicia, Asturias e León veñan visitarnos en calquera época do ano”.

ÚLTIMAS

Alcoa seguirá adiante coa venda de San Cibrao ao rexistrar máis perdas millonarias: 237 millóns ata marzo

Alcoa, o maior produtor estadounidense de aluminio, rexistrou perdas por importe neto atribuído de 252 millóns...

Trabada solicita unha subvención para renovar a vivenda da Unitaria de Vidal

O Concello de Trabada solicitou unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo...

Burela acollerá será a primeira fase da ximnasia rítmica Escolar, Promoción e Pre-Base

O Concello de Burela acollerá, no pavillón Vista Alegre, a Primeira Fase da Liga...

Charla en Burela sobre cambios normativos que afectan a persoas con dano cerebral adquirido

O Concello de Burela acolle, no Salón de Plenos, unha sesión informativa sobre os...