A área de Servizos Sociais do Concello de Barreiros, dirixida pola tenente de alcaldesa socialista Carmen Veiga, puxo en marcha unha acción formativa dirixida a favorecer a inserción laboral de persoas con discapacidade. O curso de vendedor ou vendedora de estacións de servizo, que comezou o martes 14 de abril, desenvólvese en colaboración coa Fundación ONCE, a través de Inserta Emprego.
Segundo explican as e os socialistas esta iniciativa “non só reforza o compromiso do PSdeG coas políticas sociais inclusivas, senón que posiciona a Barreiros como un referente de colaboración institucional na Mariña Lucense”. Ademais, esta acción formativa conta coa participación de alumnado procedente de diversos municipios da comarca, entre eles Foz, Ribadeo, Lourenzá e o propio Barreiros, o que amosa a utilidade desta proposta máis alá do ámbito estritamente municipal.
Unha ponte cara ao emprego real
“O principal obxectivo é dotar ás persoas participantes das competencias necesarias para traballar en estacións de servizo, un sector con demanda activa na comarca. Trátase non só de ofrecer formación, senón de abrir oportunidades reais de acceso ao emprego para colectivos que o teñen máis difícil“, sinalan dende o grupo municipal socialista.
Dende o PSdeG subliñan que a relevancia deste curso transcende as fronteiras municipais e evidencia unha forma de gobernar útil, pegada ás necesidades da veciñanza e cunha clara visión de comarca, facilitando recursos e oportunidades que benefician ao conxunto da Mariña.
