A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola Xunta nos medios de comunicación que o vindeiro venres, na reunión convocada pola empresa titular do parque “Recursos de Galicia”, solicitará que o municipio poida recibir as mesmas axudas que se acordaron en Muras con Iberdrola.
Nese sentido, a rexedora barreirense defenderá que se dote ao municipio dunha cantidade de diñeiro suficiente para abrir unha partida de axudas para bonificar as facturas da luz de todos os habitantes empadronados no municipio, así como unha porcentaxe non inferior ao 2,5% da producción do parque para destinalo a actividade sociais.
Ermida sinalou que “ese acordo, modelo do que debe supor a explotación dos recursos galegos, deuse entre un Concello e unha empresa puramente privada, co cal neste caso, no que a propia empresa está participada por capital público da Xunta, o acordo debera resultar máis sinxelo.”
“Deste xeito, a explotación dos recursos naturais do municipio beneficiaría a toda a poboación, o que sería moito máis xusto, tendo en conta que os custos tamén son asumidos pola colectividade. Do contrario, o que se está a aplicar é un criterio de premio/castigo a quen soporta a explotación dos recursos nunha distancia menor ou maior dos seus fogares, fomentando o individualismo e a falta de conciencia colectiva.”
