InicioOrientalBarreirosAna Ermida: "As tres prazas médicas do centro de saúde en Barreiros...

Ana Ermida: “As tres prazas médicas do centro de saúde en Barreiros están sen cubrir”

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, denuncia a falta de persoal médico no centro de saúde local. Así, das tres prazas existentes ningunha está cuberta no momento de publicar esta entrevista. O día 13 de outubro haberá unha concentración diante das instalacións sanitarias para reclamar a atención debida tanto á Consellería de Sanidade como á Área Sanitaria. A estes dous últimos organismos envióuselles unha carta desde a alcaldía barreirense sen que polo de agora tivesen contestación por parte de ningún ente.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é a situación en que está o centro de saúde de Barreiros en canto atención á cidadanía e que número de profesionais médicos traballan nel?

O mércores día 1 de outubro soubemos que as tres prazas de persoal facultativo (médicos) están sen cubrir. Estase desprazando un médico ou unha médica para atender cuestións de urxencia basicamente. O centro de saúde funciona co persoal de administración e enfermaría asumindo unha grande responsabilidade e intenta solucionar as cousas na medida das súas posibilidades.

-A persoa que vén prestar o servizo médico desde onde o envían?

Non sabemos. Como é unha área sanitaria completa desprázanos desde diferentes lugares.

-Cales son as principais queixas dos e das usuarias do centro de saúde?

Recibimos queixas todos os días porque hai unha espera de dúas semanas, agora, mais a pasada semana había que esperar tres para ter unha cita ordinaria co médico ou médica de cabeceira. Agora mesmo non hai citas até o 21 de outubro e isto leva sendo así desde a semana pasada para Atención Primaria, iso en Barreiros onde temos unha poboación moi avellentada e dependente do centro de saúde. Falamos de calquera tipo de doenza como gripes e catarros e mesmo na emisión de receitas.

-Presentates a situación á Área Sanitaria, cal foi a resposta?

Ningunha, ese é un dos motivos que nos empuxa a facer máis pública esta problemática, pois entendemos que hai unha desatención intencionada. Non pedimos nada extraordinario, pedimos que as prazas que ten o noso centro estean cubertas.

-Tamén contactastes coa Consellería de Sanidade?

Si, si. Foi o primeiro que fixemos ao ter coñecemento do que sucede, comunicarnos coa Consellería e coa Xerencia para tomaren medidas. O problema é que moita xente non recibe a prestación sanitaria e moitas veces recorre a Urxencias, un servizo que se ve prexudicado e porque hai cuestións que non son urxencias.

-Barreiros aumenta a poboación no verán e en inverno queda a poboación permanente. No verán teñen o mesmo problema coa asistencia sanitaria?

Si e ademais vimos dunha situación anormal desde hai varios meses. Durante o verán a poboación multiplícase por catro e hai uns anos o servizo reforzábase con persoal médico para persoas desprazadas. Agora non hai reforzo e tampouco se cubren as ausencias. Este verán houbo prazas onde non estaba a persoa titular sen ser substituída. Isto supón unha sobrecarga de traballo físico e mental que pasa factura no desenvolvemento profesional e na vida privada.

-Hai algún colectivo, ademais de persoas maiores, que estean desatendidos?

No seu momento houbo problemas co servizo de pediatría porque foi minguando e o servizo de matrona xa non se atende desde o retiro da persoa titular, o posto non volveu ser cuberto. Por tanto, calquera nai que necesite o servizo de matrona non está atendida e tamén calquera persoa cunha enfermidade asociada á idade ou necesiten receitas pautadas tamén poden ter algún problema por non ter esta atención.

-Sábese de persoas que superaran as OPEs para cubrir prazas en Barreiros e rexeitaran cubrilas?

Iso é algo que descoñezo. Hai persoas con praza en Barreiros mais o problema son as asusencias por vacacións, permisos e diversas situacións e non son substituídas.

-Sábese de que entre os concellos existe algún ánimo de facer fronte común ante a desatención sanitaria á veciñanza?

Cando a veciñanza ten problemas como este os concellos debemos poñernos á fronte das reivindacións da xente. Iso é o que debera facer calquera concello e se non o fai debera explicar cales son os intereses que defende. Houbo concellos que saíron defender a sanidade pública e aí debemos ter claros cales son os obxectivos. Nestes momentos a atención primaria e a sanidade pública en xeral é tan fundamental que non podemos permitir o seu desenvolvemento pois privar o territorio de servizos impide o seu desenvolvemento. Non se pode fixar poboación sen servizos. Isto debera ser compartido por calquera mandatario sempre que o seu obxectivo último sexa a defensa da veciñanza.

ÚLTIMAS

José Leal: “O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por iso quixen escribir sobre el”

-Por que escribiches este traballo sobre a pesca no Cantábrico de Lugo? Sobe o Cantábrico...

Viveiro anuncia o comezo da Enquisa de Poboación e as Vivendas 2026

O Concello de Viveiro informa de que a Delegación Provincial do Instituto Nacional de...

Mariña Patrimonio e Xebra preparan unha visita guiada a Santo Estevo do Ermo

O centro social Xebra e a asociación Mariña Patrimonio organizan unha visita guiada a Santo...

Antonio Rey, directivo do Xove FS: “Cada tempada hai que reinventarse porque cada día competir é máis complicado”

  -Como entraches nesta aventura do Xove Fútbol Sala? Durante o ano 2009 xuntámonos varios amigos...