O Concello de Barreiros presentou este luns pasado a sétima edición da Concentración de Retroclásicos Barreiros, un evento que reunirá aos afeccionados dos vehículos históricos este sábado, 23 de agosto, no aparcadoiro da praia de Coto.
No acto de presentación participaron a alcaldesa de Barreiros; Ana Ermida, a concelleira de servizos sociais; Carmen Veiga, o concelleiro de dinamización; Dani García, xunto con membros da asociación Retroclásicos de Barreiros.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou “a importancia de apoiar iniciativas coma esta, que non só ofrecen unha alternativa de lecer para a veciñanza e visitantes, senón que tamén contribúen a dinamizar a actividade local e a poñer en valor o noso concello”.
A actividade comezará ás 10:00 horas coa recepción e exposición de coches e motos clásicas a cal estará aberta ao público para que todas as persoas que queiran poidan achegarse a ver estas xoias sobre rodas. Posteriormente, as persoas inscritas gozarán dunha comida de confraternidade no restaurante La Yenka e farán unha ruta turística polo litoral barreirense. O evento rematará ás 19:00 horas coa entrega de trofeos.
A organización lembra que o prazo de inscrición para a concentración remata este xoves, 21 de agosto, ás 23:00 horas. As persoas interesadas en participar poden facelo chamando ao 697.356.090 (Pedro).
A VII Concentración de Retroclásicos de Barreiros conta coa colaboración do Concello de Barreiros e da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.VII
