InicioM.ambiente e PatrimonioConvocan a trinta asociacións para recuperar a memoria oral da Vía Rexia...

Convocan a trinta asociacións para recuperar a memoria oral da Vía Rexia do Norte

Dez municipios de Galicia e Asturias aspiran a que se recoñeza a ruta como parte do Camiño de Santiago

Publicada o

- Advertisement -

Trinta asociacións están chamadas a participar este venres (18.30 horas, Museo do Castro de Viladonga) nunha xuntanza para afondar no proxecto de recuperación da Vía Rexia do Norte, itinerario que é o máis antigo do Camiño Norte e que pasa por dez municipios de Lugo e Asturias.

Dez concellos –Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Riotorto, A Pontenova, A Pastoriza, Meira, Castro de Rei, Pol e Lugo-, co financiamento e apoio da Deputación de Lugo, aspiran a involucrar ao tecido asociativo destes municipios para reforzar un proxecto que culmine na declaración do itinerario como ruta histórica de peregrinaxe do Camiño de Santiago.

A iniciativa agromou no 2016, a partir da documentación existente e dos estudos de Elisa Ferreira ou Ramón Yzquierdo Perrín. A intención é recuperar e difundir a ruta outrora coñecida como Camiño de Meira ou de Abres, da que hai evidencias documentais desde o 1249.

Cartel da xuntanza. AXM

DE BARRES A LUGO

Cunha encomenda de xestión ao Concello de Meira, que se ocupa do ámbito administrativo e burocrático, un grupo de traballo supramunicipal e supraautonómico traballa desde hai tres anos para perfilar o percorrido “do xeito máis fidedigno posible“, segundo expón Yoani Jartín, técnica de turismo do municipio chairego.

A ruta partiría de Barres, en Castropol, e uniríase en Lugo ao Camiño Primitivo. Tamén comparte percorrido co Camiño Norte. Á altura da Pontenova iría a rente da N-640, de aí pasaría polas aforas de Meira, cara Pol, Castro de Rei e Lugo.

PARTICIPACIÓN VECIÑAL

Para recrear coa maior precisión posible a ruta, a colaboración da veciñanza é fundamental, de aí a convocatoria.

“O traballo etnográfico pasa polo contacto coa poboación. Queremos que nos conten o que saiban sobre o camiño, toda información que poida vir da memoria oral pode ser importante, posta en relación coa documentación que temos”, explica Jartín.

A técnica lembra ao finado párroco de Castro de Rei Xosé Manuel Carballo, un pioneiro do proxecto. “Sempre remarcou a necesidade de promover a participación”, explica.

Con dez concellos involucrados e eleccións á vista, a implicación da veciñanza é imprescindible para asegurar a constancia nun proxecto que require aínda de tempo e traballo. “Para obter a declaración temos que ser rigurosos e presentar un traballo metódico. E ser conscientes de que o beneficio é mutuo, para todos”, expón Jartín.

EXPLICACIÓNS

Na xuntanza explicarase o andado até o de agora, por onde transita a Vía Rexia do Norte e informarase aos veciños sobre as consecuencias a nivel lexislativo que podería ter nas propiedades o paso dun itinerario recoñecido dentro do Camiño de Santiago.

Ademais, darase conta das actividades que se realizarán durante este ano 2019 para recuperar a ruta.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...