Fran Cajoto, alcalde de Foz
Hai exactamente 27 anos os gobernos de Aznar e Fraga desviaban a autovía do Cantábrico cara ao interior, por Vilalba, e privaban á nosa comarca dunha vía de alta capacidade que lle permitira medrar e desenvolverse. Esta traizón á área máis dinámica da provincia de Lugo resolveuse cun pacto entre administracións: sería responsabilidade do Estado construír unha autovía entre Barreiros e San Cibrao, da Xunta de Galicia entre San Cibrao e Ferrol.
A falla de infraestruturas na Mariña preocúpame e indígname como alcalde, como veciño e como enxeñeiro de Camiños. Son especialmente crítico coa A-74, a autovía da Mariña: con dous tramos trazados e publicados no Boletín Oficial do Estado (Burela – Foz e O Carme – Barreiros), a día de hoxe o Ministerio de Transportes aínda non comezou a súa execución, nin tampouco se expropiaron os terreos necesarios.
Que está a acontecer coa VAC Costa Norte en Viveiro, que lle corresponde executar á Xunta de Galicia e resulta un punto negro para a circulación? O 6 de agosto de 2010 publicouse no DOG o proxecto da VAC Costa Norte entre O Barqueiro e San Cibrao. Un novo proxecto que modificaba o anterior publícase o 7 de xaneiro do ano 2014…ata chegar ao 2018, cando a Xunta opta por un viaduto sobre a ría.
O 23 de outubro de 2018 a Xunta de Galicia de Feijoo asinaba coa UTE FHECOR INGENIEROS CONSULTORES S.A.-G.O.C. S.A. e por importe de 324.642,49 € a actualización do proxecto da VAC da Costa Norte entre San Sadurniño e Sanguiñeira e a redacción do estudo informativo e estudo de impacto ambiental da nova ponte sobre a ría de Viveiro e da conexión da VAC Costa Norte coa LU-540. O prazo de execución destes documentos era de 24 meses, ata outubro do ano 2020. O tramo San Sadurniño – Sanguiñeira foi publicado en maio do 2021, da ponte sobre a ría de Viveiro nada se sabe … Onde está ese proxecto? Por que se oculta aos veciños? Por que se desbota despois de telo contratado e redactado? Por que se garda nun caixón?
O martes da pasada semana, sete anos despois, o presidente Rueda desembarcou en Viveiro con carpa, tarima, pantallas, pompa e boato para presentar unha nova versión adelgazada ata a inanición (a cuarta para Viveiro desde o ano 2010): unha estrada convencional de algo máis de seis quilómetros e chea de curvas á que denominou “Variante de Viveiro”. Nin rastro de autovía, corredor ou vía de alta capacidade para cruzar Viveiro: a Xunta de Galicia abandona a VAC Costa Norte e quere construír unha estrada de montaña de mediados do século XX a 60 km/h, iso si, moito máis económica. No tocante á conexión co Vicedo, que continuará no seu illamento, anúnciase unha segunda fase que unirá Magazos con Covas sen prazos nin datas.
Respecto á famosa ponte de Viveiro –que ía ser a máis longa da provincia- nin rastro. Soamente, como curiosidade e para o recordo, unha infografía na web da consultora Fhecor. A foto dunha pantasma.
