Federación de Comercio da Mariña
Atopar unha vivenda para alugar é un problema en moitos concellos da Mariña debido á alza dos prezos e ao incremento das vivendas de uso turístico. Esta comarca conta con 2.510 VUT, que supoñen máis de 11.000 prazas, cifra que duplica ás prazas hoteleiras e de aloxamentos da Mariña. Na provincia de Lugo hai preto de 4.000 VUT.
Foz conta con 667 vivendas de uso turístico; Barreiros, con 524; Viveiro, con 462; Ribadeo, con 303; Burela, con 191; O Vicedo, con 116; Xove, con 82; Cervo, con 66; Mondoñedo, con 26; A Pontenova, con 17; Lourenzá, con 16; Trabada, con 14; O Valadouro, con 12; Alfoz con 8; Riotorto, con 4; e Ourol con 2.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, referiuse “á preocupación que hai no sector hoteleiro co incremento das VUT, porque son competencia totalmente dos hoteis, dos hostais, das pensións, dos apartamentos turísticos… as normativas polas que se rexen e os controis son completamente diferentes. Este é un asunto que preocupa moito, ao igual que a dificultade que lle supón a un traballador chegar á Mariña e atopar un piso para vivir aquí todo o ano, para asentarse aquí. Falamos de traballadores de hostalería, de comercio, de profesionais sanitarios, de profesores. A situación é moi complicada neste momento”.
Néstor Sordo, CEO de Inmoriba, puxo como exemplo que “cando poñemos un piso en aluguer na nosa axencia recibimos de media entre 27 e 30 chamadas de persoas interesadas”. Sordo dixo que “a problemática está aí enriba da mesa e cada vez máis. O problema é que nin pagando se atopa piso para alugar. Hai que regular. Como? Non sei se é un tema de habitabilidade, hai que buscar fórmulas”. E avogou “pola alianza público privada para facilitar o acceso á vivenda, sentarse, debater e ir avanzando”.
Joaquín López, xerente do hotel O Cabazo, considera que “a forma de crecemento exponencial que están tendo as vivendas de uso turístico, como non fagamos algo e seguir cun decreto regulador que valía hai uns anos cos datos que temos agora, creo que non vai cambiar a tendencia. Entón hai que tomar medidas ben sexa a nivel Concellos, a nivel da Mariña, a nivel da Xunta, a nivel todos xuntos, pero é preciso facer algo”.
Para Fran Cajoto, alcalde de Foz e deputado provincial de Recursos Sostibles: “a situación actual é complicada, hai que abordala antes de que se converta nun problema inabarcable. A falta de vivenda pública e as VUT están a provocar un alza no prezo do aluguer que non é asequible para os petos. Iso hai que regulalo e buscar o equilibrio sempre é a mellor opción”. Cajoto falou da necesaria harmonización entre Xunta e Concellos e aludiu á taxa turística.
Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta indicou que “o turismo é a actividade máis transversal, que afecta non só aos que veñen, senón aos que están aquí. A solución está na colaboración entre as entidades públicas, entre as privadas, escoitar e resolver. Non é fácil, porque se fora fácil, estaríamos tomando modelo doutros sitios nos que se está facendo con éxito, pero vemos que en ningún sitio se está a resolver con éxito. Hai que estar moi atentos e ir moi rápido”.
Sobre os controis aos que se someten as VUT desde a Xunta abriron 66 procesos sancionadores por falla de rexistro e por publicidade enganosa.
Tania Hermida, axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, aludiu “á necesidade de ordenación por parte das administracións competentes, pero xa dunha forma urxente e de xeito participado polas distintas partes que estean involucradas para consolidar, na parte que me toca a min, un turismo de calidade e sostible tendo en conta o benestar social e da poboación local, que é básico e necesario”.
Asistiron, entre outros, ao Foro celebrado no Ceniama, en Foz, a vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; a deputada provincial de Economía e alcaldesa de Burela, Carmela López; así como representantes de Concellos, de Asociacións de Comerciantes da Mariña, do GDR Terras de Miranda e do Galp A Mariña-Ortegal.