InicioOpiniónOPINIÓN: O cambio das rías nas últimas décadas

OPINIÓN: O cambio das rías nas últimas décadas

O principal cambio das rías nesta xeración é a perda de biodiversidade provocada por accións pasadas, repercutiu no declive dunha actividade clave na economía galega, o marisqueo.

Publicada o

- Advertisement -

Boris Vilar Vidal, guía turístico.

Nas últimas 6 décadas as modificacións levadas a cabo polo home ao longo da costa da Mariña Lucense cambiaron radicalmente a súa paisaxe e tiveron un impacto ecolóxico directo a distintos niveis.

A simple vista, hoxe non diríamos que a ría de Viveiro cambiou moito dende comezos deste século; sobre todo, se temos en conta as múltiples intervencións que se levarían a cabo no litoral da Mariña Lucense dende hai algo máis de medio século. Nos anos sesenta e setenta poboacións costeiras como Celeiro ou San Cibrao atendían ao auxe da humanización dos espazos marítimos. Antes de rematar o século pasado continuouse a alterar as rías o que supuxo unha conta atrás para boa parte dos valores naturais aínda presentes neste entorno.

Se fago memoria, lembro aquel barco co casco vermello que quedara varado por anos ao norte da ponte, un recordo do que algún día fora unha ría navegable para embarcacións de certo calado. Un vestixio do que noutrora foi o Porto de Viveiro. De cando en cando aínda podía verse algún vello mariñeiro traballando dende os botes cos raños. Na baixamar, aos pés da ponte adoitaban verse grupos de mariscadoras que levaban a cabo a súa labor en pequenas parcelas; un reduto do que outrora foi un dos principais bancos marisqueiros de bivalvo da Mariña Lucense. Xunto a outros como os de Vicedo, San Cibrao, Foz e Ribadeo a ría de Viveiro estaba ateigada de berberecho, navalla, ameixas e longueiróns no pasado. No 2014 decretaríase o peche da zona interior da ría de Viveiro para o marisqueo por presencia de axentes contaminantes, e este sería un golpe definitivo a unha situación xa de por si complicada.

O principal cambio das rías nesta xeración, non é se cadra tan visible como o acontecido en anteriores; pero sen dúbida a perda de biodiversidade provocada por accións pasadas, repercutiu no declive dunha actividade clave na economía galega, un oficio que tamén é parte da nosa identidade, o marisqueo. Unha imaxe que hai poucos anos era habitual, está preto de desaparecer da nosa vista na actualidade. O problema non é só a falta de relevo xeracional, senón que o máis notable, é a perda de especies que antes se recollían en abundancia e estaban ben cotizadas na lonxa.

Ao mesmo tempo que desaparecen os bancos marisqueiros tradicionais, comeza a naturalizarse a Crassostrea gigas ou ostra rizada, unha especie orixinaria do Pacífico. Descoñécese como chegou con exactitude a mesma a naturalizarse na Mariña, non obstante hai amplas referencias bibliográficas acerca da súa capacidade reprodutiva e adaptación, sendo capaz de prosperar ao longo de todo mundo, chegando a países como Estados Unidos, Francia e Nova Zelandia entre moitos outros. O principal propósito para a introdución da especie foi satisfacer o mercado ostreiro cando, como ocorreu en distintos puntos de Europa, os bancos de ostra plana se esgotaban ou morrían en masa por mor dalgunha enfermidade. Dende os anos sesenta en Francia practicouse a ostricultura de Crassostrea gigas sen maiores problemas, ata que no 2008 se rexistrou a morte de moitas poboacións desta especie que pereceron a causa do virus herpes, tendo que recorrer a mercados exteriores na procura de semente sana. Os primeiros permisos para a introdución da ostra rizada en Galicia, concederíanse nos anos 90 nas Rías Baixas. Anque xa con carácter previo, a mediados dos anos oitenta comezaría a actividade ostreira na ría do Eo, na localidade asturiana de Castropol.

De todos os concellos da Mariña Lucense no Vicedo será onde as poboacións acadan as maiores concentracións, de ata máis de 300 exemplares por metro cadrado. A posición inicial das mariscadoras foi efectuar a súa extracción e comercialización como método para conter a súa expansión, xa que podería competir en alimento e en espazo con outras especies máis rendibles economicamente. Anque inicialmente se considera a ostra rizada como complemento das principais actividades marisqueiras como o berberecho e a ameixa, en poucos anos pasaría a ser primeira fonte de ingresos na confraría do Vicedo chegando a recoller preto de 100 toneladas no 2011. Co paso dos anos, unha serie de factores provocaron o descenso progresivo do volume de capturas, que se situaría a mediados da segunda década dos dous mil, nunhas 20 toneladas por tempada. A súa baixa rendibilidade, cun prezo en primeira venta de entre 1 a 2 € o quilo a pesar do traballoso que resulta a súa extracción, carecer dos medios e efectivos para optimizar o procesamento do produto de xeito eficiente, a ausencia de infraestruturas para a captación e o engorde, o limitado do mercado e a falta de apoio para o adecuado desenvolvemento do sector ostrícola, serían algunhas das causas que motivarían que nos últimos anos só se atenderan pedidos específicos, quedando relegado o marisqueo desta especie moi por debaixo das cotas permitidas.

Existen varios estudos sobre o cultivo da ostra rizada nos que se levou a cabo o control das poboacións nas rías da Mariña Lucense dos que se extraen interesantes conclusións relativas a viabilidade do seu marisqueo, os posibles riscos e beneficios ecolóxicos que supón esta especie, a infraestrutura precisa para o seu aproveitamento, a importancia das canles comerciais e a revalorización do produto. Os mesmos supoñen unha boa referencia a ter en conta en futuros proxectos relativos a recuperación do marisqueo, e que pasarán sen dúbida pola inclusión desta especie nos plans. Nos anos noventa a confraría do Vicedo contaba cuns 100 mariscadores, a comezos da segunda década dos dous mil so quedaban 20, a finais da mesma 9. En Viveiro, por aquel entón xa só quedaba unha mariscadora. Agora que faltan, comezamos a entender que estas persoas eran as primeiras interesadas en manter a saúde das rías e dos areais. Na recuperación da actividade podería atoparse a solución a unha situación, que esperemos, non sexa xa tarde para cambiar. A recuperación das rías e a conservación da actividade marisqueira terían que contar cun amplo protagonismo nos plans de desenvolvemento europeos aos que certos concellos da Mariña aspiran.

ÚLTIMAS

Óscar López, ‘Costeira’: “A romaría do Bispo Santo é a festa máis antiga de Foz”

-A Romaría do Bispo Santo ten unha longa tradición? Segundo algúns manuscritos este 2024 a...

Foz adxudica a CK Senior Gestion o contrato da residencia e centro de día

O Concello de Foz vén de adxudicar á empresa CK SENIOR GESTION SL o...

Eleccións á presidencia do Ribadeo FC: abre o prazo para presentar candidaturas

O Ribadeo Fútbol Club convoca eleccións á presidencia da entidade e o prazo...

Barreiros realizará a Orla da Escola Infantil coa fotógrafa Natalia Blanco

O Concello de Barreiros vén de anunciar que contará coa fotógrafa local Natalia Blanco,...