InicioOccidentalXoveXove abre o prazo para a matrícula para a Escola Municipal de...

Xove abre o prazo para a matrícula para a Escola Municipal de Música

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 1 ao 30 de setembro, achegándose ao Rexistro Municipal, onde poderán cubrir e entregar o correspondente impreso de inscrición.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Xove informa de que hoxe, 1 de setembro, abre o prazo de solicitude de matrícula para o novo alumnado que queira formarse musicalmente na Escola Municipal de Música de Xove de cara ao curso 2026-2027.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 1 ao 30 de setembro, achegándose ao Rexistro Municipal, onde poderán cubrir e entregar o correspondente impreso de inscrición.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o luns 5 de outubro publicarase a lista de alumnado admitido e admitida para o vindeiro curso 2026-2027.

Novidade para este curso: reforzo da educación vocal

Para este novo curso, ademais de manter as materias e actividades habituais da Escola Municipal de Música, o Concello de Xove quere reforzar especialmente a educación vocal, ampliando a oferta para que esta formación non estea dirixida unicamente ao alumnado infantil.

Así, como novidade, a proposta estará tamén orientada ao alumnado adulto, coa finalidade de crear un espazo no que as persoas participantes poidan desenvolver as súas capacidades vocais e, sobre todo, formar parte dunha actividade coral en grupo.

Deste xeito, a Escola Municipal de Música de Xove quere abrir as súas portas a todas aquelas persoas da localidade que gosten de cantar e teñan inquedanza por desenvolver esta afección, ofrecéndolles a oportunidade de facelo de maneira colectiva e acompañada dende este mesmo curso 2026-2027.

Desde o Concello destacan que esta nova proposta pretende seguir facendo da Escola Municipal de Música un espazo aberto á participación da veciñanza, á formación e ao goce da música, creando novas oportunidades para achegarse á práctica musical independentemente da idade.

O Concello de Xove anima, polo tanto, a todas as persoas interesadas en iniciar ou continuar a súa formación musical a presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido e, moi especialmente, a aquelas persoas adultas afeccionadas ao canto que queiran descubrir a experiencia de formar parte dun grupo coral.

ÚLTIMAS

Petición de 18 anos de cadea por querer matar o seu padrasto a marteladas en Ribadeo

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este venres o xuízo contra un home acusado...

Interveñen 45 quilos de produtos pesqueiros sen etiquetaxe e documentación comercial en Xove

A Garda Civil interveu 45 quilos de breca, xurelo e sargo que eran transportados...

Operativo nas Catedrais: buscan dúas persoas que poden estar atrapadas nunhas rochas

Os servizos de emerxencias manteñen activo un operativo para buscar a dúas persoas que...

10.000 abonos do Resurrection Fest á venda este xoves 10 de setembro a partir das 12:00

O Resurrection Fest Estrela Galicia saca á venda este xoves, 10 de setembro (a...