O Concello de Xove anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas festas patronais na honra a San Pedro Fiz, que se celebrarán os días 8 e 9 de agosto no campo da festa situado nas inmediacións da praia de Esteiro, un dos areais máis fermosos e concorridos do municipio, distinguido ademáis coa Bandeira Azul pola calidade das súas augas.
A programación dará comezo o sábado, 8 de agosto, ás 10:00 horas, co tradicional lanzamento de bombas de palenque, anunciando que Esteiro está de festa. Ás 14:00 horas celebrarase a sesión vermú, amenizada polo Grupo Lecer.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, terá lugar a tradicional Festa da Empanada e do Bolo Preñado, unha cita gastronómica que estará acompañada pola música dos gaiteiros da Asociación Cultural Saíñas de Xove.
A partir da noite, a música será a gran protagonista cunha verbena amenizada polo Grupo Lecer e a Orquestra Sinfonía, garantindo unha noite de festa e diversión para tódolos públicos.
Como broche á xornada, á medianoite celebrarase o tradicional Conxuro da Queimada, seguido dunha degustación gratuíta para tódalas persoas asistentes.
As celebracións continuarán o domingo, 9 de agosto, cunha misa solemne ás 13:00 horas na capela de San Pedro Fiz (Ceranzos), que contará coa participación do Coro de Valdeflores. A continuación terá lugar a tradicional procesión, acompañada musicalmente polos gaiteiros da A.C. Saíñas de Xove.
A festa trasladarase de novo ao campo da festa, fronte á praia de Esteiro, onde ás 14:30 horas dará comezo unha gran sesión vermú amenizada polo Dúo Son de Festa, poñendo o punto e final a unha fin de semana marcada pola música, a gastronomía, a tradición e a convivencia.
Estas festas están organizadas pola Asociación de Veciños San Pedro de Xuances, cuxos integrantes levan semanas traballando con ilusión e dedicación para que todo se desenvolva á perfección. A entidade quere agradecer expresamente a colaboración da veciñanza, dos comerciantes e de todas aquelas persoas que contribúen ao bo desenvolvemento desta celebración na parroquia.
Pola súa banda, o Concello de Xove, como entidade colaboradora, quere recoñecer o importante labor que realiza a Asociación de Veciños San Pedro de Xuances na conservación e recuperación desta festa tradicional, exemplo do compromiso co patrimonio cultural e co dinamismo do rural.
O Concello convida á veciñanza e ás persoas que visiten a comarca durante esas datas a achegarse a Esteiro para gozar dunhas xornadas de boa gastronomía, excelente ambiente e música, nun enclave paisaxístico privilexiado, onde a harmonía, a convivencia e a hospitalidade volven converter esta celebración nunha das citas festivas máis especiais do verán no municipio.
Aquapark
O sábado 1 de agosto, ás 9:30, vinte e dous mozos e mozas de Xove entre 12 e 16 anos desprazáronse ao Aquapark de Cerceda acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns que ofrece este parque acuático.
Esta viaxe está organizada polas concellerías de Xuventude e Deporte e a Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
