A Biblioteca Municipal de Xove inicia unha nova etapa coa posta en marcha por primeira vez dende a súa apertura no ano 1990, dun club de lectura dirixido a todas as persoas afeccionadas aos libros e a literatura.
Baixo o nome de “Cantís de Papel”, este novo proxecto cultural nace como unha metáfora inspirada na paisaxe máis característica do concello: os cantís de Morás. Igual que o mar Cantábrico vai moldeando coa sua oleaxe as pedras dos acantilados ao longo do tempo, tamén a lectura deixa pegada nas persoas, conformando pensamentos, emocións e novas maneiras de mirar o mundo a través das páxinas dos libros.
Con este simbolismo e esta vocación de encontro arredor da cultura, arranca o primeiro club de lectura promovido pola Biblioteca Municipal de Xove, unha iniciativa que xa reune a máis dunha vintena de veciños e veciñas do concello unidos pola paixón pola lectura.
“Cantís de papel” contará coa participación de persoas de diferentes idades, desde rapaces e rapazas ata xente maior, convertendose nun espazo aberto de convivencia interxeracional no que compartir experiencias, recomendacións e reflexións literarias.
As reunións celebraranse o último venres de cada mes, momento no que os participantes poderán intercambiar opinións e ideas sobre o libro previamente seleccionado para a súa lectura.
Dende a Biblioteca Municipal de Xove destácase a boa acollida que tivo esta iniciativa e o interese mostrado pola veciñanza, consolidando así un novo espazo de participación cultural e social no municipio.
