O PSdeG de Xove criticou que a recente visita de deputados provinciais do Partido Popular ao municipio se limitase a un acto institucional sen abordar ningún dos problemas estruturais que o concello leva anos arrastrando.
As e os socialistas consideran positivo que representantes públicos visiten Xove pero lamentan que o encontro non servise para dar explicacións nin comprometer solucións sobre cuestións pendentes do PP desde hai anos. “Xove leva case dúas décadas escoitando anuncios e promesas que nunca se concretan en feitos. Resulta sorprendente que nunha visita institucional non se falase nin dunha soa destas melloras tan reclamadas e necesarias para a veciñanza”, sinalan.
A formación lembra que durante o debate dos orzamentos da Xunta o PSdeG xa advertiu de que Xove quedaba unha vez máis sen investimentos relevantes por parte do goberno autonómico, pese ás emendas presentadas para financiar actuacións prioritarias. Entre elas, mencionan a situación do Portiño de Morás, un proxecto anunciado reiteradamente e que continúa sen executarse. “Levan anos vendendo esta mellora pero a realidade é que segue sen pasar das fotografías e das promesas”, denuncian.
O grupo municipal socialista tamén reclama avances na mellora e ampliación do polígono industrial de Camba, inaugurado en 1999 e no que non se realizaron actuacións relevantes desde entón. “A ampliación leva anos anunciándose a ‘bombo e platillo’, pero nunca chega. Xove non pode seguir perdendo oportunidades de desenvolvemento industrial pola falta de vontade política do goberno de Demetrio Salgueiro”, apuntan.
Outro dos problemas que o PSdeG leva anos denunciando é a rede de abastecemento de auga, construída na década dos 90 e que presenta deficiencias cada vez máis evidentes. “Temos unha infraestrutura terceiromundista. Cando hai choivas intensas, a auga chega ás vivendas coma barro e no verán repítense as restricións. Existe un proxecto de mellora valorado en preto de 1,5 millóns de euros, pero a Xunta non destina nin un só euro para unha actuación necesaria e básica para a veciñanza”, sinalan.
As e os socialistas lembran tamén a falta de avances en materia de saneamento e mellora ambiental, así como a paralización da vía de altas prestacións que debería conectar O Castelo con Ferrol, unha infraestrutura que acumula anos de promesas sen que se produza ningún avance real.
Desde o grupo municipal socialista insisten en que este tipo de visitas institucionais deberían servir para dar resposta aos problemas e ás necesidades reais da cidadanía do municipio. “Estamos encantados de que se visite Xove, pero pedimos que estas visitas se aproveiten para falar do verdadeiramente importante, que é a mellora da calidade de vida da veciñanza, e non só para facer anuncios baleiros e sacar fotografías”, conclúen.
