Ante a previsión do mal tempo o Concello de Xove manterá o seu tradicional Desfile de Entroido polas rúas locais. Porén traballa nun plan alternativo para garantir a celebración do mesmo no caso que se presente unha tarde de inclemencias meteorolóxicas.
Dende a Concellería de Cultura informamos que, como cada ano, o Concello está a organizar o Desfile de Entroido. Sen embargo e tralos temporais rexistrados recentemente na comarca e ante a previsión de posibles condicións meteorolóxicas adversas, estase a traballar nun plan alternativo que permita garantir a celebración do evento sen necesidade de modificar a data prevista.
Esta decisión ten como obxectivo evitar a coincidencia coas celebracións doutros desfiles en concellos próximos, facilitando así a participación da veciñanza e das persoas inscritas sin incidir na organización doutros entroidos da zona.
O punto de encontro manterase no lugar habitual de saída do desfile, concretamente na nave almacén municipal situada ao carón do campo de fútbol de adestramento e do IES Illa de Sarón. Nese espazo poderán realizarse inscricións de última hora e recollerse dorsais pendentes entre as 15:00 e as 16:30 horas.
Unha vez reunidos todos os participantes, analizarase a situación meteorolóxica do momento. No caso de que as condicións non sexan axeitadas para a realización do desfile polo percorrido exterior, indicarase a todos os participantes inscritos que se despracen á carpa instalada na praza do Centro Cívico, onde se seguirán unhas instrucións claras e organizadas.
Na carpa haberá carteis explicativos coa sinalización necesaria para que cada participante se sitúe correctamente no seu posto de saída, segundo a categoría na que estea inscrito, facilitando así o desenvolvemento do desfile a pesar do mal tempo.
Unha vez colocados todos os participantes nos seus postos baixo a carpa, estes serán chamados por megafonía e desfilarán cruzando un corredor habilitado no interior do pavillón municipal, accedendo polo portón do lado da praza, cruzando o pavillón en diagonal e saíndo polo portón con saída cara ao Centro de Saúde de Xove.
Dende o Concello de Xove agradecen a colaboración e comprensión de todos os participantes e animamos á veciñanza a gozar do Entroido mantendo o espírito festivo que caracteriza esta celebración, pero con seguridade.
Para este Plan B do desfile, dende a Concellería de Cultura agradecemos enormemente a colaboración de todos os participantes —individuais, parellas, grupos e carrozas— para que, entre todos, poidamos poñerlle boa cara ó mal tempo e salvar o entroido de Xove, un entroido de carácter familiar que, comezando practicamente da nada, conseguiu situarse no mapa dos desfiles da Mariña.
Do mesmo xeito, agradecemos tamén á veciñanza e ao público asistente a súa colaboración, mantendo as distancias e seguindo as indicacións da organización e dos vixiantes municipais, para que o desfile se desenvolva con precaución, primando en todo momento o bo humor, a convivencia e a seguridade de todas e todos.
