O Grupo Municipal Socialista de Xove defenderá no pleno ordinario do vindeiro luns unha batería de preguntas e tres rogos para esixir respostas ante a inacción do goberno local do Partido Popular e a ausencia de resultados reais tras anos de anuncios baleiros por parte do alcalde, Demetrio Salgueiro.
O PSdeG preguntará cal vai ser a achega da Xunta de Galicia ao longo do ano 2026 para actuacións como a ampliación do Polígono Industrial, a instalación de pantaláns, a ampliación da zona de atraque do Portiño de Morás ou a mellora da rede de abastecemento de auga, un servizo básico que continúa a presentar graves deficiencias, con episodios nos que a auga chega ás vivendas en condicións “lamentables e impropias do século XXI”.
O Grupo Municipal pedirá tamén aclaracións sobre o compromiso da Xunta en ámbitos fundamentais para a veciñanza como o Servizo de Axuda no Fogar, o comedor escolar e o mantemento dos centros educativos, así como sobre a falta de avances na dotación de infraestruturas deportivas axeitadas para o municipio.
Neste sentido, o PSdeG preguntará ao goberno local se ten intención de impulsar un pavillón polideportivo e multiusos acorde ás necesidades actuais de Xove, tendo en conta as limitacións da instalación existente, concibida hai décadas para outros usos e que non responde ás demandas actuais da veciñanza.
En canto aos rogos, a formación instará ao goberno local a acometer a reparación e ampliación dunha ponte situada na estrada que conecta o cruce de Lago co burgo de Vila, unha infraestrutura que presenta afundimentos, é especialmente estreita e acumula auga en episodios de choiva, o que supón un grave risco para a circulación e require unha actuación inmediata.
Do mesmo xeito, o PSdeG solicitará a elaboración dun inventario das estradas locais que permita establecer criterios claros e técnicos para o seu mantemento e conservación, fronte á ausencia de planificación na xestión actual do Partido Popular.
Finalmente, as os socialistas pedirán que se execute o asfaltado dun pequeno tramo, duns 8 metros cadrados, no acceso á vivenda dun veciño de Lago, unha actuación sinxela que consideran perfectamente asumible a comezos de ano e que non debería quedar sen resolver por falta de vontade ou previsión.
Desde o PSdeG de Xove conclúen que, “fronte a un goberno local instalado no anuncio permanente, dende o Grupo Socialista continuamos exercendo unha oposición activa e responsable, levando ao pleno preguntas de control e propostas concretas centradas nos problemas e necesidades que nos traslada a nosa veciñanza”.
