O BNG de Xove colocou esta mañá unha pancarta reivindicativa na ponte de Pumariño para reclamar unha planificación seria e ambiciosa das infraestruturas viarias da Mariña, sumándose ás accións impulsadas polo BNG noutros concellos da comarca.
O PP non dá resposta ao problema estrutural de conexión viaria da Mariña
A portavoz municipal, Pilar Vázquez, explicou que esta iniciativa responde á preocupación polo rumbo que están a tomar os proxectos anunciados recentemente pola Xunta en Viveiro, “que volven apostar por solucións parciais e de curto alcance, afastadas das necesidades reais da comarca”. Segundo indicou, estas propostas “non dan resposta ao problema estrutural da conexión viaria da Mariña nin cumpren coas expectativas xeradas durante décadas”.
Desde o BNG de Xove lembran que foi durante o goberno bipartito da Xunta, no que o BNG tivo responsabilidades, cando se aprobou a variante de Xove, unha actuación concibida para mellorar a seguridade viaria, reducir o tráfico pesado polo núcleo urbano e avanzar nun corredor de altas prestacións para a costa norte. “Aquel modelo partía dunha visión global do territorio, fronte á improvisación coa que actúa hoxe o goberno da Xunta do PP”, sinalou Vázquez.
Os gobernos do Estado e da Xunta deixan á Mariña en clara desvantaxe
A portavoz nacionalista incidiu tamén na responsabilidade compartida das distintas administracións. “Mentres o goberno da Xunta do PP presenta proxectos que rebaixan prestacións e expectativas, o goberno do Estado do PSOE continúa sen avances reais nas infraestruturas da súa competencia, como a autovía A-74. Esta falta de compromiso conxunto acaba deixando á Mariña nunha posición de clara desvantaxe”, afirmou.
Xove, sen infraestruturas para o desenvolvemento industrial
Finalmente, Pilar Vázquez subliñou que o atraso na industrialización de Xove é consecuencia dunha suma de factores acumulados ao longo dos anos. “Xunto coa situación do dique norte de Morás, que segue sen desbloquearse, e cunhas infraestruturas viarias claramente insuficientes, estamos ante unha combinación de condicionantes que frean o desenvolvemento industrial do noso concello”, explicou. A portavoz do BNG engadiu que “este escenario foi tolerado durante anos polos distintos alcaldes da zona e, de maneira especial, polo rexedor actual, que asumiron esta situación sen esixir solucións aos diferentes gobernos”
Acto público en Viveiro o venres 9 de xaneiro
Neste contexto, o BNG lembra que o venres 9 de xaneiro, ás 19:00 horas, terá lugar na sala multiusos do concello de Viveiro un acto público aberto no que se analizará a situación das infraestruturas na Mariña, coa participación de distintos sectores sociais. No encontro intervirán a portavoz municipal de Viveiro Iria Cotelo, o deputado no Congreso Néstor Rego, o deputado no Parlamento galego Daniel Castro e o concelleiro Seve Salgueiro
