O PSdeG-PSOE de Xove volve denunciar o grave deterioro da atención sanitaria no municipio, despois de que o goberno do PP incumprise a súa promesa de cubrir a praza vacante no centro de saúde durante o mes de outubro.
Segundo explican os socialistas, a situación é agora incluso peor que durante o verán, cando o municipio quedou practicamente sen asistencia médica. “A día de hoxe só hai unha médica titular, e como moito dous días á semana temos unha residente con contrato de catro horas para consultas”, advirten.
Consultas saturadas e demoras de ata vinte días
O PSdeG alerta de que esta falta de persoal está a provocar un colapso total no Centro de Saúde: as consultas están saturadas e as citas chegan a demorarse ata vinte días, deixando sen atención a máis da metade da poboación. “A doutora titular fai un esforzo enorme, pero é imposible atender urxencias, consultas e visitas a domicilio sen reforzos. O sistema está ao límite e o PP mira para outro lado”, denuncian.
Os socialistas lembran que a situación é especialmente grave nun concello como Xove, con 3.327 habitantes, dos cales máis de 800 superan os 65 anos, ademais de ter unha residencia da terceira idade con 150 internos. “Falamos dunha poboación envellecida que precisa coidados continuos e un servizo médico estable”, subliñan.
Incumprimentos e modelo de privatización
O Grupo Municipal Socialista acusa ao Partido Popular de mentir á veciñanza e incumprir as súas promesas, xa que o alcalde e os responsables da Xunta aseguraran que a praza se cubriría no mes de outubro. “Non só non se cubriu, senón que agora tentan deixar a Xove cun único médico de familia. É intolerable”, critican.
Ademais, denuncian que esta situación vén provocada polo modelo de xestión do PP, que “leva anos convertendo a sanidade nun negocio e degradando o sistema público”. “O mesmo que vemos en Madrid ou Andalucía repítese aquí: precariedade, listas de agarda e veciños obrigados a ir ao privado para ser atendidos”, engaden.
“O PP condena a Xove á precariedade sanitaria e xoga coa saúde da veciñanza. É urxente que se repoñan as tres prazas de médicos de familia que lle corresponden ao municipio e que se reforce o persoal do centro de saúde”, reclaman.
Desde o PSdeG-PSOE de Xove advirten que seguirán denunciando estes recortes “que custan vidas” e esixindo á Xunta e ao alcalde que asuman as súas responsabilidades. “Xove merece unha sanidade pública digna, estable e de calidade. Non máis parches nin máis promesas incumpridas”, conclúen.
