Arredor de trescentas persoas concentráronse este domingo no pavillón municipal de Xove para protestar pola ocupación ilegal dunha casa en Casas Longas, na parroquia de Lago, propiedade dun matrimonio maior que actualmente non pode acceder á vivenda.
A concentración, convocada por veciños e veciñas do municipio, reclamou “solucións e cambios legais” para evitar a indefensión dos propietarios ante casos deste tipo. No manifesto lido durante o acto, os promotores denunciaron a “permisividade e desidia institucional” e fixeron un chamamento a “defender o noso”.
Os asistentes, entre eles o alcalde Demetrio Salgueiro, apoiaron á familia afectada e advertiron de que “a okupación é unha ferida aberta que altera a convivencia”. A protesta rematou con aplausos e asubíos baixo o lema “Aquí non”.
