InicioOccidentalXoveO BNG de Xove ve unha hipoteca económica a cesión ao Concello...

O BNG de Xove ve unha hipoteca económica a cesión ao Concello das estradas provinciais

A portavoz do grupo municipal, Pilar Vázquez, cualificou a operación como “un negocio redondo para a Deputación de Lugo, que nos meteu un gol por toda a escuadra”

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Xove manifestou o seu voto en contra no pleno extraordinario sobre o convenio de cesión das estradas provinciais ao Concello, ao considerar que supón “un disparate económico” nun momento crítico para a facenda local. A portavoz do grupo municipal, Pilar Vázquez, cualificou a operación como “un negocio redondo para a Deputación de Lugo, que nos meteu un gol por toda a escuadra”.

“O noso concello está obrigado a elaborar un plan económico-financeiro pola situación de inestabilidade orzamentaria, e en lugar de actuar con responsabilidade, asumimos agora a xestión, mantemento e responsabilidade patrimonial de 45 quilómetros máis de vías. Isto é unha hipoteca para o futuro de Xove”, sinalou Vázquez.

O BNG advirte que non se elaborou unha memoria económica que avalíe o impacto real do convenio, tal e como especifican os propios cargos técnicos do Concello —Secretaría e Intervención— nos seus informes. Para o grupo nacionalista, isto supón unha mostra clara de falta de planificación: “Non só é irresponsable, senón tamén pouco transparente. Estamos tomando decisións moi relevantes sen datos claros sobre o custo que van supoñer para as veciñas nos vindeiros anos”.

“Que nos digan en serio cal é o beneficio para a veciñanza. Se a única resposta é que por fin se van arranxar as estradas’, entón debemos cuestionarnos a capacidade negociadora do alcalde, pois vemos que os nosos concellos veciños levan cada ano importes semellantes para arranxar as estradas sen ningunha obriga ou cesión engadida” manifestou Pilar Vázquez, que engadíu tamén que “se un alcalde que leva gobernando case 20 anos o noso concello non é capaz de conseguir o arranxo das súas estradas – aínda tendo que poñer unha pequena participación económica-, entón haberá que cuestionarse a súa habilidade negociadora e diplomática.

Ademais, o BNG criticou con dureza a postura do PSOE de Xove, ao que acusa de incoherencia política: “Pasaron todo o ano dicindo que o Concello estaba en risco, falando de posibles EREs, opoñéndose a modificacións de crédito… e agora apoian unha cesión que supón hipotecar o Concello para a posteridade.” denunciou Vázquez.

“Dende o BNG estivemos sempre dispoñibles, e así llo fixemos saber dende o ano 2018,para acudir en bloque á Deputación e negociar conxuntamente o arranxo das estradas.Algo ao que por certo, nunca accedeu. O que non vai facer o BNG é o traballo dun acalde experimentado que vai facer 20 anos gobernando este noso concello”.

Para o BNG, a situación é completamente excepcional e inxustificable: Xove converterase no primeiro concello da provincia —e posiblemente de Galiza— en perder toda a súa rede de estradas provinciais, sen ningunha garantía de que a súa xestión sexa viable nin sostible. “Non hai ningún outro concello que aceptara algo semellante porque calquera alcalde con sentido común sabería que é un auténtico disparate para a economía e os servizos municipais”, concluíu Pilar Vázquez.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...

Desconto do 80% na factura da luz para 500 familias que viven arredor do parque eólico de Mondigo

Unhas 500 familias nun radio de dous quilómetros ao redor do parque eólico de...