-Cales son os días que escolleu o Concello de Xove para celebrar as súas festas locais?
As celebracións comezarán o xoves 29 de agosto e finalizarán o luns día 2 de setembro que é festivo local.
-Como se reparten as diferentes actraccións destas festas para eses días?
Primeiro, a lectura do pregón será o xoves 29 a cargo de Lolita Barro, quen foi mestra moitos anos aquí en Xove e logo haberá unha actuación. O venres 30 de xullo teremos a Sardiñada Popular á que lle seguirán dúas actuacións, a dunha orquestra e a dun grupo. O sábado pola mañá haberá un pasarrúas, haberá sesión vermú e logo celebrarase pola tarde o Festival de Saíñas e ese día dúas orquestas pecharán a noite. O domingo será igual, aínda que teremos a misa con procesión e sesión vermú e verbena con dúas orquestras. O luns, festivo local, será o Día do Neno onde haberá inchables para eles na Praza do Concello.
-A sardiñada pedirá unha loxística importante para atender á xente e máis para asar as sardiñas. De que maneira organizaredes esta parte das festas?
Comezaremos o reparto das sardiñas sobre as oito ou oito e cuarto da tarde. Somos corenta persoas traballando desde pola mañá, sobre as catro ou catro e media da tarde prenderemos o lume. Ás seis comezaremos a asar as sardiñas para comezar a repartir entre as oito ou oito e cuarto. A xente poderá recoller os tickets para participar no reparto. Aquelas persoas que colaboraron e axudaron na sardiñada levarán o ticket gratis, senón haberá que retirar o ticket a tres euros. O prato estará composto de sardiñas, cachelos, pan e viño.
-E aínda así, como organizades a subministración de sardiñas e os demais elementos?
A peixería que temos aquí en Xove é a que nos trae os 900 kg de sardiñas. Tamén en Xove é onde colleremos os 25 ou 30 sacos de patacas, as padarías locais fornecerannos de pan e logo o viño tamén será subministrado por comercios locais.
-O Día dos Nenos, o 2 de setembro, que actividades tedes pensado para eles, á parte dos inchables?
Ese día unha empresa local montará as estruturas, mesmo unha delas será de auga, e desde as catro da tarde do luns até as oito da noite é libre para eles ademais de ser gratuíto.
-Sobre as actuacións das orquestras, como se reparten?
Vai haber dúas orquestras por noite, en total seis. O venres, despois da sardiñada, comezará a tocar a orquestra ás dez e cuarto e serán tres horas por cada pase de orquestra. O sábado comezarán algo máis tarde, a iso das dez e media e será igual o sábado. Iso si, o sábado despois de finalizar a segunda orquestra hai un DJ para prolongar algo máis a madrugada.
-Onde se celebrarán as actuacións e a sardiñada?
As orquestras tocarán no que é a Praza do Concello e logo sardiñada estará instalada nun terreo ao pé da Praza. O sábado ás doce hai cinco minutos de parón para soltar os fogos artificiais.
-Contades cunha asistencia numerosa para estes días?
Si, sobre todo o día da sardiñada onde calculamos unhas 2.000 racións. Depois virá o baile e logo, sábado e domingo, contamos cunha boa afluencia para a verbena. Tamén contamos con que asistan persoas doutros concellos veciños como Viveiro, Cervo, Burela e toda a das parroquias. O día da sardiñada tamén haberá moitos turistas que están por aquí e son moi amantes deste tipo de festas.