Lucía Sánchez Meitín, membro da Organización da Recuperación da Romaría do Santo Antonio da Rigueira
-A Declaración de Interese Turístico desta Romaría debeu traer novidades xa este ano.
Temos un apoio á identidade do pobo de Xove porque o Santo Antonio da Rigueira era unha festa para todo o concello antes de comezar o verán. Este foi un punto que destacamos cando presentamos a documentación para a Declaración de Interese Turístico. Nas áreas rurais era moi importante reactivar os lazos veciñais nestas datas cando ían comezar as segas e por iso para nós supuña un feito moi destacable ese carácter marcadamente veciñal do Santo Antonio. Cada unha das parroquias xuntaba un grupo de xente que facía o camiño a pé e na romaría botaban o día. Neste aspecto radica a importancia que tivo para todo Xove esta Romaría do 13 de xuño. A reactivación dos lazos veciñais servía para a colaboración durante o verán, prestándose axuda uns veciños a outros. Mesmo nesas datas tamén se bendicían os animais das casas dos que dependía a economía da casa.
-Esta figura do Santo Antonio opacaba a figura do santo da parroquia, San Miguel.
Si, mais precisamente por iso, porque o Santo Antonio non era só da Rigueira senón de toda a veciñanza. Os recordos familiares, as fotografías que vimos cando fixemos o traballo de recollida, eran fotos da Romaría do Santo Antonio. E tanto tiña que foses a Xuances, a Lago ou a Portocelo, en todas as casas había fotos dese día.
-Recuperouse ou continúa a venda de exvotos feitos en cera?
Nunca se perdeu ese costume que pertence ao aspecto relixioso da Romaría. Cada quen fai a Romaría por unha motivación persoal, máis de ocio ou máis relixiosa como facer unha promesa. Esas figuras están relacionadas coas promesas que fixeron as persoas no seu momento.
-Que significa ter agora toda esa área recreativa arredor da igrexa de cara á festividade do 13 de xuño?
Ese é un dos espazos máis significativos, a área recreativa onde está o muíño municipal, as mesas, as árbores e o circundo da igrexa, así como a reforma dos palcos. Todo isto para mellorar os servizos para atender a todas as persoas que veñan até o lugar.
-O reforzo de lazos entre veciños estaba tamén ligado aos traballos que as diferentes familias facían en común como fontes, limpeza do leito dos ríos, etc?
Sei que os lavadeiros eran comunais, algo do que se beneficiaba toda a comunidade e seguramente sería moi factible que tanto a construción como o mantemento deste tipo de obras fose algo veciñal. Así era como se vivía, porque se un conxunto familiar tivese un patrimonio pequeno era difícil poder atendelo todo con dúas ou tres persoas nun espazo de tempo tan curto como é o verán. Iso podía atendelo dependendo dos lazos e da solidariedade dos veciños.
-Desde o Concello estase estudando a recuperación ou investigación etnográfica dalgunha figura ou celebración?
Estamos preparando a Guía Etnográfica de Morás. Sobre todo polo interese que está a ter porque hai moitas persoas que veñen coñecer a baleeira, os dolos e agora mesmo temos moitas visitas con grupos de entre 80 e 100 persoas durante as fins de semana. Iso mesmo queremos facer con todos os tarballos etnográficos, poñelos en valor e darlles un carácter práctico para aproveitar a memoria e non deixala nun libro. Queremos seguir facendo cousas como recuperar a rampla de izado das baleas e tamén estamos pendentes das escavacións en San Tirso.