A Garda Civil detivo un veciño de Xove, de 47 anos de idade, no desmantelamento dunha plantación de marihuana que tiña baixo cuberto dunha vivenda. Ademais, acúsano de conectarse ilicitamente á rede eléctrica para manter as instalacións.
Segundo informa o Instituto Armado, trátase da operación ‘Farallóns’, desenvolta desde o pasado decembro para combater o cultivo e tráfico de estupefacientes na provincia. Así, estableceuse un amplo dispositivo de prevención a través de vixilancia e un incremento dos servizos para evitar a comisión destes ilícitos.
No operativo foron intervidos 4,35 de marihuana distribuídos en tarros de cristal e en dispositivos de secado para, presuntamente, a súa distribución e venda; así como 7 quilos de plantas na última fase previa á súa recollida. Tamén foron aprehendidos diversos útiles para o seu cultivo, pesada e tratamento.
Así mesmo, o espazo onde estaba a plantación contaba con sofisticados medios técnicos como un sistema de climatización, control de temperatura ambiente, extracción de cheiros e control de pragas, todos eles conectados ao rede eléctrica pública de maneira irregular.
Por isto mesmo, ao veciño de Xove detido, ademais dun delito contra a saúde pública, impútaselle outro de defraudación de fluído eléctrico por 20.000 euros.
