A Xunta de Galicia acaba de licitar por valor de 690.000 euros as obras de renovación do Albergue Xuvenil Area en Viveiro, para a mellora dos baños e vestiarios e a renovación do sistema de calefacción e rede de saneamento.
Así o anunciou este xoves o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e na que destacou que a reforma posibilitará que o Goberno galego “velle por manter nas condicións máis idóneas nosas instalacións para ofrecer os mellores servizos á mocidade”.
Neste sentido, o representante do Executivo autonómico fixo fincapé en que contar con “equipamentos de calidade é un dos alicerces que nos permite ser un referente na programación de verán dentro e fóra de Galicia”.
Referiuse así á campaña ‘Modo Verán Activo’ que, dixo, “un ano máis volve ser un éxito, sendo este un dos complexos principais dos nosos campamentos en toda a Comunidade e na provincia de Lugo en concreto, onde contamos con oferta nesta modalidade noutro seis enclaves”.
Precisamente, a visita coincidiu coa presenza dos participantes na última quenda da proposta NaturArea: ambiente mariño e náutica, “unha das máis demandadas tradicionalmente dentro desta oferta”.
Este ano puxéronse a disposición dos solicitantes 500 prazas divididas en cinco estancias de 100 persoas cada unha, que rematarán o próximo catro de setembro tras gozar de actividades na auga como vela, windsurf ou kaiak e doutras accións como volei praia, xogos, excursións ou aulas da natureza mariña.
