Ruídos derivados de actividades hostaleiras e de ocio, terrazas, música e equipamentos sonoros, obras e maquinaria, tráfico rodado, carga e descarga, festas e eventos, así como determinadas actividades realizadas nos espazos públicos, precisan «dunha normativa propia, clara e actualizada que permita previr os problemas de ruído, mellorar a convivencia e dar unha resposta eficaz ás demandas da veciñanza», sinala Iria Cotelo.
«Trátase de establecer regras claras e coñecidas por todas as partes, que permitan actuar ante situacións que afectan á saúde, ao descanso e á calidade de vida da veciñanza», afirma a portavoz nacionalista, destacando que «unha ordenanza deste tipo non só serve para previr conflitos. Tamén mellora a convivencia e ofrece seguridade e protección xurídica, tanto á veciñanza como ao propio Concello, establecendo con claridade que normas se deben cumprir e como se debe actuar cando se producen incumprimentos».
A formación lembra que xa no ano 2019 unha iniciativa do BNG neste sentido foi aprobada polo Pleno municipal e que nela se propoñía prestar especial atención ás zonas con maior concentración de actividades xeradoras de ruído. «As queixas e reclamacións polos ruídos, que se están a producir especialmente durante este verán, fan necesario recuperar e actualizar aquel compromiso municipal, dotando ao Concello dunha regulación propia, clara, moderna e eficaz», afirma Cotelo.
A moción propón iniciar de inmediato os traballos para elaborar a ordenanza, incorporando unha fase de participación dos grupos municipais, asociacións veciñais, sectores hostaleiro e comercial, entidades culturais e festivas e demais colectivos do municipio. Tamén propón que o borrador estea preparado para a súa aprobación inicial polo Pleno nun prazo máximo de seis meses.
«É necesario dotar Viveiro desta ferramenta para mellorar a convivencia, protexer os dereitos da veciñanza e dar tamén seguridade xurídica á actuación municipal», conclúe Cotelo.
