O Grupo Municipal Socialista de Viveiro preguntou no Pleno ordinario celebrado este martes pola actuación que o Concello está a levar a cabo na estrada que comunica a LU-102 coa zona de Santo Alnites e das Nogueiras e o cemiterio municipal, onde se procedeu á corta de varios exemplares de árbores.
Os socialistas trasladaron a preocupación expresada por varios veciños ao comprobar que non se trataba unicamente dunha poda, tal e como estaba anunacida das redes do Concello e nos medios de comunicación, senón da eliminación de parte da arborada existente, solicitando ao equipo de goberno que explicase os motivos desta actuación e os criterios técnicos que a xustificaban.
Na súa resposta, o concelleiro de Obras explicou que a actuación está avalada por un informe do Servizo Provincial de Bombeiros, no que se advirte da necesidade de liberar espazo para facilitar o acceso e a manobra dos vehículos de emerxencia. Segundo indicou, na situación actual o camión de bombeiros ten dificultades para actuar e dar cobertura ás vivendas situadas na zona de Santo Albites e de San Lázaro, nos edificios existentes na parte posterior da estrada xeral. So se cortan ata o cruce a Santo Albites. O resto das arbores ata as Nogueiras solo se van podar.
Así mesmo, o responsable municipal informou de que os exemplares retirados son plataneiros, unha especie non autóctona, e anunciou que o Concello ten previsto plantar árbores autóctonas na zona verde situada nas inmediacións, co obxectivo de compensar a eliminación da arborada.
Desde o Grupo Municipal Socialista valoramos positivamente que o Goberno municipal ofrecese estas explicacións no Pleno, xa que permiten coñecer que a actuación responde a razóns de seguridade vinculadas á intervención dos servizos de emerxencias e que, ademais, existe o compromiso de reposición mediante a plantación de especies autóctonas.
Consideramos que este tipo de información debe trasladarse sempre á veciñanza, especialmente cando se trata de actuacións que poden suscitar preocupación, porque a transparencia e a explicación das decisións municipais contribúen a evitar malentendidos e a favorecer a confianza da cidadanía na acción pública.
