O Concello de Viveiro dá a benvida á XLVI Mostra Folklórica Internacional, unha das citas culturais máis emblemáticas do municipio, que arranca mañá e converterá a cidade, ata o vindeiro 9 de agosto, nun escenario de encontro entre culturas a través da música, a danza e as tradicións populares.
Organizada pola Asociación Cultural Bágoas da Terra, a Mostra reunirá nesta edición agrupacións procedentes de Armenia, Filipinas, Perú, Guinea-Bissau e España (Galicia, Asturias, Castela a Mancha e Andalucía), ademais do propio grupo anfitrión. A Mostra forma parte da rede internacional de festivais do CIOFF, organismo asociado á Unesco, e combina tradición e diversidade cultural a través da música, o baile e o traxe tradicional.
Ao longo de cinco días desenvolverase un amplo programa de actividades pensado para todos os públicos. Entre os momentos máis destacados figuran a Mostra Infantil, que terá lugar o xoves 6 de agosto na Praza Maior; o Desfile das Nacións, o sábado 8 polas rúas de Viveiro, un dos actos máis representativos do festival; e a Gran Gala Internacional, prevista para o domingo 9 na Praza Maior, que reunirá sobre o escenario a todas as agrupacións participantes.
Ademais das actuacións principais, a programación inclúe concertos, audicións musicais, exposicións e diferentes actividades que permitirán á veciñanza e aos visitantes achegarse á riqueza do folclore tradicional de distintos países, convertendo Viveiro nun espazo de convivencia e intercambio cultural.
Desde o Concello de Viveiro anímase á cidadanía e ás persoas que visitan o municipio durante estes días a participar nesta cita internacional, que continúa consolidándose como un dos grandes referentes culturais do verán galego e como un escaparate da diversidade, a tradición e a amizade entre pobos.
MELLORA NA ESTRADA DAS NOGUEIRAS
Ademais disto, o Concello de Viveiro iniciou os traballos de mellora da estrada das Nogueiras, no camiño cara a San Roque. A actuación desenvólvese ao abeiro dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, dotado con 120.000 euros, e abrangue o tramo comprendido entre a contorna da gasolineira e o cruzamento de Santo Albites.
Os primeiros labores consisten na poda e retirada das árbores situadas nas dúas marxes da estrada. A vexetación existente reduce a anchura útil da vía, dificulta o cruzamento de vehículos e afecta aos accesos aos núcleos de San Lázaro, Pénjamo e Santo Albites.
O proxecto inclúe a ampliación da calzada para permitir o paso simultáneo de vehículos en ambos os sentidos, a renovación da capa de rodadura e a mellora dos accesos a San Lázaro e Pénjamo. Tamén se instalarán as redes de abastecemento de auga e saneamento desde a entrada da gasolineira ata Santo Albites.
A retirada das árbores responde igualmente ás dificultades de acceso detectadas para os vehículos de emerxencias. Un informe dos Bombeiros advirte das limitacións existentes para chegar ás vivendas de Santo Albites en caso de incendio. Unha vez rematados estes traballos, plantaranse especies autóctonas de menor porte, compatibles coa anchura necesaria para a circulación.
Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, explicou que «a actuación permitirá mellorar a seguridade viaria, facilitar o acceso aos núcleos próximos e garantir o paso dos vehículos de emerxencias». A rexedora engadiu que «a retirada das árbores completarase coa plantación de especies autóctonas de menor tamaño, para compatibilizar a protección da contorna coas necesidades da estrada».
Gueimunde incidiu tamén na importancia ambiental e social das Nogueiras: «É un espazo que forma parte do patrimonio de Viveiro e no que se celebran actividades como a sardiñada das Nogueiras. Temos que coidalo e, ao mesmo tempo, asegurar un acceso adecuado para a veciñanza e para as persoas que visitan a zona».
