O Goberno municipal de Viveiro levará a próxima semana (o mércores 15) a un pleno extraordinario a proposta de aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Dá o paso despois de acelerar nos últimos meses a súa tramitación e completar os informes preceptivos necesarios para avanzar no documento.
Así o anunciou Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, nunha comparecencia na que tamén participaron Martín Vale, tenente de alcaldesa, e Bernardo Fraga e Manuel Galdo, concelleiros de Por Viveiro. Gueimunde destacou que o PXOM foi considerado como unha prioridade desde o inicio do actual mandato e que a documentación xa está a disposición dos grupos municipais para o seu estudo antes da sesión plenaria.
A alcaldesa puxo en valor o traballo realizado para axilizar a tramitación dun documento de gran complexidade técnica e administrativa. Neste proceso mantivéronse reunións con varias consellerías, encontros de coordinación entre técnicos da Xunta e do Concello de Viveiro, e contactos co equipo redactor do plan, co obxectivo de resolver requirimentos, detectar posibles atrancos e completar a documentación con garantías.
«Desde o primeiro momento tivemos claro que Viveiro necesitaba avanzar na aprobación dun novo instrumento de planificación urbanística que permitise ordenar o territorio e sentar as bases do desenvolvemento económico e do futuro do municipio», sinalou Gueimunde.
A alcaldesa agradeceu o traballo realizado polos técnicos municipais, o equipo redactor e as persoas que participaron no proceso, e subliñou que a colaboración entre todas as partes foi fundamental para chegar a este punto. Tamén destacou que o Concello actuou para reforzar a tramitación cando foi necesario, entre outras medidas coa contratación de apoio xurídico externo para completar o informe preceptivo que permitise elevar o documento ao pleno.
O PSOE PIDE TRANSPARENCIA
O Grupo Municipal Socialista de Viveiro sinalou nun comunicado que “celebra que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dea un novo paso na súa tramitación e poida chegar nas vindeiras datas á súa aprobación provisional”. Os socialistas ven unha noticia positiva para Viveiro, “xa que o municipio leva máis de dúas décadas agardando por un instrumento de planificación urbanística imprescindible para o seu desenvolvemento”.
Con todo, os socialistas de Viveiro queren remarcar que o PXOM que agora se leva a aprobación provisional “non naceu hai un ano nin é froito dun novo procedemento. É exactamente o mesmo expediente iniciado e impulsado polo anterior goberno socialista, coa mesma empresa redactora e coa mesma tramitación técnica e administrativa”. Así pois “o traballo realizado durante anos polo anterior executivo permitiu atender sucesivamente os requirimentos formulados polas distintas administracións ata deixar o expediente preparado para afrontar esta fase”.
