A Consellería do Medio Rural instalará nos vindeiros días trampas para o seguimento e control do picudo vermello en varios puntos de Viveiro. A actuación forma parte da campaña de vixilancia desta praga, que afecta gravemente ás palmeiras. As trampas, dotadas de feromonas específicas, permiten detectar a presenza de exemplares e contribuír ao control da súa poboación.
Estes dispositivos non supoñen ningún risco para as persoas, as mascotas nin o resto da fauna. Por este motivo, o Concello de Viveiro solicita a colaboración da cidadanía para non manipulalos nin retiralos, xa que resultan necesarios para o correcto desenvolvemento da campaña.
O Concello de Viveiro agradece a colaboración veciñal e o traballo que desenvolve a Consellería do Medio Rural para a protección do patrimonio vexetal do municipio.
