InicioOccidentalViveiroNova edición do Resurrection Fest do 1 ao 4 de xullo

Nova edición do Resurrection Fest do 1 ao 4 de xullo

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, declarou na presentación do Resurrection Fest : “levamos máis de 20 anos convertendo Viveiro na capital da música hardcore en Europa”

Publicada o

- Advertisement -

O Resurrection Fest celebrará unha nova edición entre os días 1 e 4 de xullo en Viveiro. Reunirá arredor de cen bandas en catro escenarios e ten unha previsión de asistencia próxima ás 140.000 persoas. O festival volverá a converter a vila nun punto de encontro para público procedente de varios países.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, participou esta mañá na presentación oficial da cita xunto aos responsables da organización e representantes das institucións colaboradoras. O acto serviu para iniciar a conta atrás dun festival que sitúa Viveiro no calendario internacional da música rock, metal, punk e hardcore.

Durante a presentación púxose en valor a actividade económica e os postos de traballo que o Resurrection Fest xera no municipio e no conxunto da Mariña. A celebración do festival ten unha incidencia directa na hostalería, no comercio, no aloxamento, nos transportes e nos servizos, ademais de supoñer unha oportunidade laboral para moitas persoas nos días previos, durante o festival e na súa desmontaxe.

Mariña Gueimunde destacou a importancia da cita para a comarca: «O Resurrection Fest é unha iniciativa de enorme relevancia para Viveiro e para toda A Mariña. Ademais da súa proxección exterior, deixa actividade económica, crea emprego e implica a moitas persoas e negocios do noso territorio».

Gueimunde puxo tamén en valor a colaboración entre a organización, as administracións e os servizos municipais para preparar unha edición que recibirá milleiros de asistentes. «O Concello seguirá traballando para que Viveiro estea preparado e para compatibilizar o desenvolvemento do festival coa atención á veciñanza», explicou.

A DEPUTACIÓN TAMÉN PARTICIPA NA PRESENTACIÓN

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto aos socios responsables do festival, os irmáns Iván e David Méndez, e o resto de colaboradores asistiu este luns en Viveiro á presentación e visita ao recinto do Resurrection Fest, que arrinca este mércores e que se prolongará ata o sábado. A institución provincial renova o seu patrocinio cunha das grandes citas internacionais da música hardcore, metal e punk cunha aportación económica de 150.000€, consolidando así unha colaboración que se mantén desde os seus inicios. “Levamos máis de 20 anos convertendo a Viveiro na capital da música hardcore en Europa”, avanzou Carmela López

A Presidenta felicitou aos organizadores pola traxectoria do festival e a súa capacidade de transformación do territorio poñendo en valor o crecemento sostido dun evento que naceu do soño dun grupo de mozos e que hoxe é un referente das principais bandas internacionais. “Hai dúas décadas, un grupo de rapaces soñaba con traer a Viveiro as bandas que admiraban, e hoxe son esas mesmas bandas as que inclúen Viveiro nas súas xiras”, subliñou.

 

 

ÚLTIMAS

Cervo acolle a III Carreira de Andadura o sábado 11 de xullo

O Concello de Cervo acollerá o vindeiro sábado 11 de xullo a III Carreira...

Viveiro acelera a tramitación do PXOM mentres o PSdeG reclama transparencia nos pasos a dar

O Goberno municipal de Viveiro levará a próxima semana (o mércores 15) a un...

Barreiros aclara a cronoloxía da demolición de seis vivendas en Lóngara

Aos efectos de aclarar a situación procesual e procedimental do Concello de Barreiros no...

Presentan en Viveiro a Banda de Música Xuvenil O Landro

 A Banda de Música O Landro presentou no Concello de Viveiro a súa Banda...