-Como describes o teu camiño cara a candidatura á alcaldía de Viveiro polo BNG?
Diría que foi un proceso que se foi dando de forma natural. Comecei a colaborar co BNG en 2019, a través da CIG, cando era delegada de persoal, e desde entón fun implicándome na vida política municipal de Viveiro. En 2023 entrei como concelleira e asumín as áreas de Promoción Económica, Comercio e Mercados. Esa experiencia permitiume coñecer ben por dentro o funcionamento da administración e tamén traballar en proxectos positivos para o conxunto da veciñanza. Cara as Municipais de 2027 houbo un consenso total nos diferentes ámbitos do BNG en propoñer o meu nome como candidata e iso para min marcou a diferenza. Síntome moi honrada, moi ilusionada e preparada para liderar esta nova responsabilidade. Fun a número dous da lista anterior, son a actual portavoz do grupo municipal e ter formado parte do goberno municipal deume unha visión ampla dos retos e necesidades que temos como concello. Encaro esta responsabilidade coa mesma convicción coa que comecei: quero traballar para que todas as persoas que vivimos en Viveiro poidamos desenvolver aquí o noso proxecto de vida, con oportunidades de futuro. Son unha persoa convencida de que a política debe estar sempre ao servizo do interese xeral.
-Desde a posición de militante define o momento que vive o BNG en Viveiro e se ves que a súa mensaxe ten maior receptividade que noutras citas electorais pasadas.
Si, eu percibo que a nosa mensaxe ten cada vez máis e mellor acollida. O noso paso polo goberno municipal de Viveiro permitiunos demostrar que hai outra maneira de facer política: máis próxima, máis transparente e con capacidade de xestión. A xente sabe que o BNG é sinónimo de política limpa, honesta e ao servizo do interese xeral. Penso sinceramente que cada vez son máis as persoas que confían no noso proxecto para construír un tempo novo para Viveiro. E creo que o BNG vive un dos seus mellores momentos no concello: medramos en militancia, en apoio social e contamos cun equipo preparado e ilusionado para asumir novos retos.
-As sondaxes ou as estimacións que ten o BNG de Viveiro apuntan máis a unha coalición con PSOE ou outras forzas progresistas, ou unha victoria en solitario do Bloque?
Un ano en política é moito tempo, mais o que si percibimos é unha tendencia de crecemento e unha boa acollida do proxecto do BNG entre a veciñanza. As sondaxes mostran tendencias e a do BNG é claramente á alza. Nós imos a por todas, porque, honestamente, Viveiro precisa un cambio en serio, e o BNG é forza política capaz de liderar e poñer en marcha ese cambio. Estou convencida de que o BNG pode liderar o próximo goberno municipal de Viveiro. En todo caso, o noso obxectivo é seguir traballando para gañar a confianza da maioría social. E, chegado o momento, utilizaremos todas as ferramentas democráticas ao noso alcance para garantir políticas que defendan os intereses da veciñanza fronte a formas de facer política baseadas en intereses persoais ou partidistas.
-Unha victoria en Viveiro do BNG cres que redeseñaría o mapa político na comarca da Mariña?
En primeiro lugar, que o BNG lidere o próximo goberno municipal de Viveiro será bo para Viveiro e a nosa veciñanza. Estou plenamente centrada en ofrecerlle a Viveiro o proxecto sólido e potente que o noso concello necesita. Mais si, respondendo á pregunta, o que está claro é que cando a veciñanza coñece o modelo de xestión do BNG, ve que existe outra maneira de facer política e comproba os seus resultados, a confianza no noso proxecto aumenta e consolídase, porque constata que é un modelo que funciona. Na nosa comarca, Ribadeo foi un referente de bo goberno durante anos, como agora o son Muras ou Barreiros. O BNG está a vivir o mellor momento da súa historia a nivel galego, encaramos con moita ilusión e fortaleza as Municipais de 2027 e temos un modelo claro de política municipal. Os resultados das últimas eleccións autonómicas xa demostraron que existe unha ampla confianza da cidadanía da comarca no proxecto do BNG. O noso reto agora é trasladar esa confianza tamén ao ámbito municipal, demostrando que somos a mellor alternativa para liderar os concellos da Mariña.
-Como sería unha descrición do actual panorama político local? Cres que pode variar moito nas vindeiras eleccións locais?
Eu definiría o panorama político actual en Viveiro como unha etapa marcada polo descontrol, con decisións precipitadas e unha evidente falta de planificación. Como exemplo desta forma de gobernar estamos probablemente ante o goberno que máis asuntos tivo que retirar dos plenos por non ser capaz de acadar os consensos necesarios, nin sequera cos seus propios socios de Por Viveiro. O Partido Popular chegou á alcaldía sen un proxecto para Viveiro, facendo promesas que hoxe demostran non ser capaces de executar nin de financiar. Pero o que máis me preocupa é que, en cuestións clave para o futuro do concello, están a antepoñer os intereses do PP aos da veciñanza, coa complicidade dun Por Viveiro tan submiso ao Partido Popular que actúa como portavoz do equipo de goberno, e que desapareceu do mapa político abandonando todas as reivindicacións sociais.
En canto ao futuro, creo que o panorama político pode variar significativamente nas próximas eleccións. O BNG demostrou durante a súa etapa no goberno que ten proxecto e capacidade de xestión. De feito, tanto o Partido Popular como Por Viveiro chegaron a recoñecer publicamente o noso bo facer á fronte do Concello, recoñecendo incluso que eramos un dano colateral da moción de censura. Dende entón, a súa acción política céntrase en confrontar co BNG, como se seguísemos gobernando. Iso evidencia que nos perciben como a principal alternativa de goberno e como a forza con máis posibilidades de liderar o futuro de Viveiro.
-De chegar á alcaldía, cales son as primeiras decisións que materializaría o BNG durante os primeiros cen días?
Os grandes eixos que marcarán a acción do goberno desde o primeiro día serán o PXOM, a accesibilidade e a mobilidade, as parroquias, a reordenación urbana e a vivenda. Son ámbitos estratéxicos para construír o Viveiro do futuro e sobre os que o BNG leva anos traballando cun proxecto serio, realista e elaborado desde a escoita activa da veciñanza. Se o PXOM non queda aprobado antes de rematar o mandato, continuaremos coa súa tramitación como unha prioridade absoluta. Ao mesmo tempo, executaremos o Plan de Accesibilidade, un documento que deixamos elaborado durante o noso goberno e que só precisa vontade política para facerse realidade.
Outra das primeiras decisións será impulsar o Plan Parroquias, unha planificación plurianual nacida das reunións coa veciñanza. Queremos completar unha nova rolda de encontros para priorizar as actuacións máis necesarias en cada núcleo, desde o saneamento e as estradas ata a conservación do patrimonio. Tamén iniciaremos a reordenación urbana que Viveiro precisa, cun modelo que gañe espazo para as persoas, mellore a mobilidade e dea resposta á necesidade de prazas de aparcamento para residentes e visitantes. No ámbito da vivenda, realizaremos unha diagnose rigorosa da situación no concello para poder poñer en marcha as medidas necesarias e afrontar un dos principais retos que ten Viveiro. E, por suposto, retomaremos e culminaremos todo o traballo que o BNG deixou avanzado e que o actual goberno mantivo gardado nun caixón, como a ordenanza de mercados, a licitación da empresa de servizos enerxéticos ou o control do cumprimento da ordenanza da saca da madeira, entre outras actuacións. A diferenza do BNG é que non esperamos a chegar ao goberno para decidir que facer. Levamos anos preparando un proxecto de futuro para Viveiro, con prioridades claras e medidas listas para comezar a executarse desde o primeiro día.
-Ves unha pronta resolución do PXOM para o concello ou temes que, de non haber un goberno local do PP, o documento quede paralizado?
No case ano e medio que levan gobernando apenas se celebrou unha reunión de portavoces para abordar esta cuestión, centrada nos informes ambientais, e desde entón nada máis se soubo. O PXOM está a seguir os trámites administrativos propios dun documento desta complexidade e non avanza máis rápido polo feito de gobernar o Partido Popular. De feito, o propio goberno municipal anunciou a súa aprobación primeiro para decembro e despois para o primeiro trimestre deste ano, pero estamos case en xullo e eses prazos non se cumpriron. En canto ao futuro, non teño medo de que o PXOM poida quedar paralizado no caso de que haxa un cambio de goberno local. Desapareceu o maltrato da Xunta a Viveiro porque goberne en Viveiro un partido da súa mesma cor? A realidade é que non. O maltrato da Xunta a Viveiro continúa. En todo caso, se alguén teme que esa situación se repita, a solución non pasa por darlle a alcaldía ao Partido Popular, senón por utilizar o voto nas vindeiras autonómicas para sacar do goberno da Xunta a un partido que leva anos maltratando ao noso concello e á comarca.
-O oriente da comarca parece ir gañando peso (caso de Ribadeo) dentro da balanza económica. Cales son as propostas do BNG para aumentar o dinamismo e fomentar a diversificación económica de cara a un maior desenvolvemento local?
Se ben é certo que Ribadeo conta cunha mellor conexión por estrada que Viveiro, o que inflúe significativamente no desenvolvemento de calquera territorio, tamén hai que recoñecer que a súa transformación responde ás políticas impulsadas polo BNG e ao modelo de concello aplicado nos últimos anos. Ese é o modelo que queremos para Viveiro. A nosa proposta pasa por mudar de maneira integral o modelo de concello, colocando as persoas no centro e apostando por unha planificación a medio e longo prazo que garanta un desenvolvemento ordenado e sostible. Apostamos por unha vila máis habitable, baseada na reordenación urbanística, na humanización dos espazos públicos e na creación de contornas pensadas para o uso e desfrute da veciñanza. É clave impulsar a mobilidade sostible, con máis espazos peonís, melloras na accesibilidade e alternativas de transporte público eficientes que conecten mellor o territorio. No plano económico, propoñemos unha estratexia de diversificación que aposte polo comercio local, o sector primario, o mar e as pequenas e medianas empresas, xunto cun impulso decidido á captación de novas actividades e investimentos.
Tamén é fundamental unha planificación turística sostible que permita desestacionalizar a actividade e xerar valor ao longo de todo o ano. Todo isto debe complementarse con medidas transversais que impliquen a todas as áreas do goberno local, así como cunha maior coordinación e fortalecemento do tecido asociativo, que é clave para dinamizar a vida social, cultural e económica da vila. Igualmente, propoñemos reforzar os servizos públicos, mellorar a mobilidade e a accesibilidade e impulsar políticas activas de fixación de poboación, especialmente da mocidade, mediante oportunidades laborais e acceso á vivenda. En definitiva, trátase de construír unha vila máis cohesionada, dinámica e con visión de futuro, pensada non só para o presente, senón tamén para as próximas décadas.
-Falamos dunha das grandes vilas e concellos turísticos da comarca. Que potencialidades quere desenvolver o BNG e cales son os puntos que ve necesario corrixir?
En Viveiro temos moito feito no máis importante: contamos cun entorno privilexiado, con mar, ría, río e montaña, ademais dun patrimonio natural e histórico de enorme valor. Temos, polo tanto, todos os alicientes para ser un destino turístico moi atractivo. E hai que recoñecer tamén que nos últimos anos se fixo un traballo importante de promoción turística, polo que o obxectivo de atraer visitantes está en boa medida acadado e debe seguir consolidándose. En que fallamos? No que ofrecemos a esas persoas que nos elixen. Eu sinto vergoña, e pasoume recentemente, de ter ao lado visitantes comentando, con decepción, o descoidado que está o entorno; que preguntan por opcións de transporte público para desprazarse; da falta de accesibilidade nalgúns espazos como as praias; ou a insuficiente programación cultural e de lecer, nalgunhas épocas do ano.
A pregunta entón é clara: ademais de visitar os nosos recursos naturais e patrimoniais, que máis pode facer unha persoa que vén a Viveiro? Ese é o punto no que debemos mellorar. Por iso, entendemos que a política turística non pode limitarse só á promoción, senón que ten que estar ligada á mellora integral da vila. O noso proxecto municipal concíbese así: dar resposta ás necesidades da veciñanza e, ao mesmo tempo, ofrecer unha experiencia de calidade a quen nos visita, con servizos, accesibilidade, mobilidade e actividade continua ao longo do ano.
-Logo de coñecer o proxecto para a VAC de Viveiro, que conclusión sacou o BNG local sobre a proposta da Xunta (unha VAC en lugar dunha autovía que dese continuidade até Ferrol)?
A Xunta xa tiña redactado un proxecto para a variante de Viveiro, que conectaba Area coa Arredoada e desde alí con Escourido, integrado no que sería a VAC Costa Norte. Falamos dunha vía de altas prestacións que a Xunta nunca quixo executar malia contar xa cun proxecto elaborado. A cambio do goberno local, o PP comprometeu publicamente a licitación do tramo Area–Arredoada. Porén, o anuncio realizado polo presidente da Xunta en Celeiro o pasado 23 de decembro supón un cambio de criterio significativo, ao formular unha nova alternativa que implica comezar de novo cun proxecto distinto.
Esta maniobra da Xunta supón un retroceso máis, porque se abandona unha solución xa estudada e consensuada para substituíla por unha alternativa degradada a unha estrada, peor definida e sen conexión co modelo de vía de altas prestacións. Ademais, implica unha perda de tempo e de recursos públicos, ao volver iniciar unha fase de estudo cando xa existía un proxecto previo. Ao noso xuízo, esta decisión responde máis a unha estratexia política que a unha necesidade real de planificación, xerando incerteza e desviando o foco do esencial: executar as infraestruturas comprometidas e demandadas durante décadas pola veciñanza. En definitiva, o que Viveiro precisa non é estar cambiando continuamente de proxectos, senón vontade política da Xunta para executar as solucións que xa estaban enriba da mesa e contaban con planificación previa. O prioritario é pasar da fase de estudo á de execución. O que resulta evidente é que se está a perder tempo e oportunidades para o desenvolvemento do territorio, algo que desde o BNG consideramos inxustificable.
-Considerades esta infraestrutura abondo como para desconxestionar Viveiro, dinamizar a economía local e mellorar os tempos en comunicación con outros puntos de Galicia?
O único proxecto que realmente daba unha resposta global aos problemas de conxestión do tráfico e melloraba a conexión de Viveiro co resto do territorio era a variante integrada na VAC, que xa estaba planificada e consensuada. A proposta da estrada presentada agora non só deixa fóra esa integración coa VAC, senón que supón perder a posibilidade de contar cunha vía de altas prestacións que conecte Viveiro co resto do País de forma eficiente, o que para nós é un erro estratéxico, enterrando toda posibilidade de progreso socioeconomico para Viveiro. E que ademais non resolverá os problemas actuais do tráfico, senón que aínda pode xerar novos puntos de conflito noutras zonas do municipio, como no Camiño Vello ou en Magazos. En resumo, entendemos que non se está a dar unha resposta integral á mobilidade de Viveiro, senón unha alternativa parcial e degradada que non resolve os problemas de fondo.
-Cal credes que foi o motivo da Xunta para xustificar o cambio do tipo de vía?
O cambio de criterio da Xunta responde claramente a unha decisión política e non técnica. Non hai outra lectura posible: non queren executar a variante integrada na VAC, pero ao mesmo tempo precisan aparentar que fan algo. Os argumentos que empregan para xustificalo non se sosteñen. Falan de falta de consenso co proxecto anterior, cando é evidente que ese consenso existe dende hai anos, con acordos unánimes da corporación instando precisamente á execución da variante integrada na VAC. É dicir, están a contradicir a realidade. E tamén recorren ao suposto menor impacto ambiental da estrada, algo que resulta difícil de crer, xa que o proxecto que presentaron nin sequera contempla a afección a regatos, á liña do ferrocarril ou á proximidade de vivendas. É unha xustificación construída a posteriori para avalar unha decisión xa tomada. En definitiva, estamos ante unha operación política máis que técnica, coa que se tenta maquillar a renuncia da variante que levaba anos planificada e consensuada, e que supón un freo evidente ao futuro de Viveiro.
-Agora mesmo, sobre o centro de saúde e a falta de profesionais, que podería facer o BNG desde a alcaldía e que solucións reclamaría ou levaría adiante para mellorar a atención sanitaria pública no termo municipal?
As competencias en materia sanitaria corresponden á Xunta de Galicia, que é a administración responsable da planificación dos recursos e da dotación de profesionais. Desde o BNG levamos anos denunciando os recortes e o progresivo deterioro da sanidade pública, que na Mariña se traduce en falta de persoal, dificultades para conseguir citas e unha perda continua da calidade asistencial. Desde a alcaldía non se poden contratar médicos nin organizar os servizos sanitarios, pero si se pode exercer unha defensa firme dos intereses da veciñanza. Iso significa trasladar de forma permanente á Consellería de Sanidade a situación do centro de saúde de Viveiro, reclamar solucións urxentes e liderar institucionalmente as reivindicacións da cidadanía. O que nunca pode facer unha alcaldesa é poñerse de perfil diante dun problema tan grave. Mentres os veciños e veciñas de Viveiro se mobilizan para defender a sanidade pública, a alcaldesa opta por ignorar as súas reivindicacións, mesmo indo de comida do PP, e incluso chegou a denegar medios municipais, como a megafonía, á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Nós temos claro que unha alcaldía debe estar sempre ao lado da súa veciñanza, especialmente cando se trata de defender servizos públicos esenciais, como é a sanidade. Viveiro necesita un liderado firme que vele polos seus intereses, non unha alcaldesa ao servizo dos intereses do Partido Popular.
-Mantés que a Xunta está maltratando á comarca dentro do aspecto sanitario? Por que?
Por suposto que o manteño. Non hai máis que ver a última decisión da Xunta. Este verán van pecharse 36 camas no Hospital Público da Mariña, nun momento no que a poboación da comarca aumenta pola chegada de visitantes e, polo tanto, tamén o fai a demanda asistencial. Se ben a situación da sanidade pública é preocupante en toda Galiza, na Mariña os datos son especialmente graves. Da totalidade das camas que se pecharán no país, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte é a que sofre a maior porcentaxe, cun 12% de camas menos. Pero se nos centramos no Hospital da Mariña, o dato é aínda máis alarmante: de 156 camas dispoñibles, pecharanse 36, o que supón o 23% do total. Estamos a falar da porcentaxe de peche máis elevada de toda Galiza. Mentres a veciñanza leva anos reclamando máis profesionais, menos listas de espera e unha atención sanitaria digna, a resposta da Xunta é seguir recortando recursos. Por iso falo de maltrato á Mariña. Porque non estamos ante un feito puntual, senón ante unha política continuada de perda de servizos e de debilitamento da sanidade pública na comarca. E non só o manteño, é que os datos o confirman.
-En canto ao patrimonio cultural e arquitectónico de Viveiro, que puntos quere desenvolver con máis forza o BNG? Cales cres que están sendo desatendidos nestes momentos?
Viveiro conta cun patrimonio cultural, histórico e arquitectónico extraordinario que forma parte da nosa identidade e que merece unha atención moito maior da que está a recibir. Desde o BNG consideramos prioritario reforzar o coidado e a posta en valor do casco histórico, mellorando a súa conservación e garantindo que sexa un espazo vivo e atractivo tanto para a veciñanza como para quen nos visita. Pero o patrimonio de Viveiro non remata no casco urbano. Tamén é necesario prestar máis atención ao patrimonio das parroquias, que moitas veces queda nun segundo plano. Falamos de elementos como as fontes tradicionais, lavadoiros, camiños históricos ou pontes como a da Carreira, ou a medieval de Landrove, que levan anos agardando por actuacións de rehabilitación. Cremos que falta unha estratexia global que non só preserve este patrimonio, senón que o divulgue e o integre na vida cultural e turística do concello. O obxectivo debe ser protexer o noso legado histórico e convertelo nun recurso vivo que contribúa a fortalecer a identidade de Viveiro e a dinamizar o municipio durante todo o ano.
