O Concello de Viveiro formulará alegacións ao estudo informativo e de impacto ambiental das variantes leste e oeste do municipio, actualmente en fase de información pública, co obxectivo de mellorar o proxecto e adaptalo mellor ás necesidades reais da vila. Con este fin, o goberno local celebrou hoxe pola mañá unha xunta de voceiros na que se puxeron sobre a mesa as propostas elaboradas a partir dos estudos técnicos realizados polo Concello e das reunións mantidas cos técnicos municipais e, tamén, cos técnicos da Xunta de Galicia, que se desprazaron a Viveiro para analizar o documento e orientar sobre a viabilidade das modificacións que se pretenden formular.
O propósito do executivo municipal era intentar consensuar estas alegacións co resto dos grupos da corporación para remitilas conxuntamente. Ese acordo non foi posible, aínda que si se contou co apoio e coas achegas do grupo Por Viveiro. Con respecto á falta de unanimidade, a alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que «démoslles a todos os grupos políticos a posibilidade de que fixeran as súas aportacións e, unha vez máis, o BNG e o PSOE desmarcáronse do que vai ser unha infraestrutura clave para o desenvolvemento económico de Viveiro a curto prazo; nin sequera fixeron suxestión algunha».
A prioridade segue a ser mellorar un proxecto chamado a ter unha incidencia directa na mobilidade do municipio. O obxectivo é deseñar unha variante que contribúa a sacar tráfico pesado do núcleo urbano e que facilite que os movementos de mercadorías vinculados a Porto Celeiro e á actividade madeireira poidan canalizarse por fóra da trama urbana, co que tamén se reforzaría a seguridade viaria e a funcionalidade das conexións.
Entre as alegacións que se presentarán figura a ampliación dos radios de curvatura nalgunhas zonas do trazado, ao considerar o Concello que esa modificación permitiría mellorar as condicións de circulación nunha infraestrutura deseñada para velocidades superiores ás que se viñan mencionando no debate público. O goberno local entende que esta revisión contribuiría a facer máis axeitado o percorrido desde o punto de vista técnico.
O Concello proporá tamén a incorporación de máis carrís de adiantamento ou tráfico lento naquelas zonas nas que as pendentes así o aconsellen, dadas as particularidades orográficas de Viveiro e o condicionante que supón tamén a liña ferroviaria no deseño da infraestrutura.
Outro dos puntos que o Concello considera necesario revisar é o enlace ao centro de Viveiro. A proposta municipal pasa por estudar a posibilidade de non renunciar a esa conexión, pero trasladándoa cara á zona de Pé de Boi, de xeito que poida conectarse coa avenida de Benito Galcerán. Esta alternativa permitiría analizar unha solución máis funcional sen situar o enlace nun punto menos axeitado para o tráfico.
Mariña Gueimunde destacou que «o Concello está a facer un traballo serio e rigoroso, baseado en informes técnicos e na realidade actual de Viveiro, para presentar melloras que poidan ser estudadas». A rexedora engadiu que «o importante é non perder unha infraestrutura necesaria para o futuro da vila e seguir defendendo unha solución útil, viable e pensada para mellorar a mobilidade, a seguridade e a competitividade do municipio».
O documento, agora en exposición pública, é o marco sobre o que corresponde traballar neste momento e que as alegacións municipais irán orientadas a introducir melloras realistas e tecnicamente sostibles para reforzar o proxecto.
