InicioOccidentalViveiroViveiro prepara alegacións para a mellora do proxecto da variante

Viveiro prepara alegacións para a mellora do proxecto da variante

O obxectivo é reforzar a infraestrutura destinada a sacar tráfico pesado do núcleo urbano e canalizar por fóra do centro os movementos vinculados a Porto Celeiro e á actividade madeireira

Publicada o

- Advertisement -

çConcello de Viveiro está a traballar na presentación de alegacións ao estudo informativo e de impacto ambiental das variantes leste e oeste de Viveiro, que actualmente se atopa en fase de información pública (de trinta días hábiles a partir da publicación no DOG do 30 de abril). O obxectivo é mellorar o proxecto e adaptalo mellor ás necesidades reais do municipio.

Desde o goberno local valórase de maneira positiva que a tramitación da variante avance e que o proxecto se atope xa en exposición pública, ao entender que se trata dunha infraestrutura clave para o futuro de Viveiro. Neste sentido, o Concello realizou os estudos técnicos oportunos para formular unha serie de propostas de mellora sobre a alternativa que considera máis axeitada.

Desde o Concello sublíñase, ademais, que o desenvolvemento conxunto das alternativas 5 e 4 permitiría dotar a Viveiro dunha variante completa, que conectaría a LU-862 ao oeste co corredor CG-2.3 ao leste do núcleo urbano. O obxectivo final é avanzar cara a unha solución que contribúa a retirar tráfico pesado do centro da vila e que os movementos de mercadorías, tanto os vinculados a Porto Celeiro como os relacionados coa actividade madeireira, poidan canalizarse por fóra da trama urbana.

Entre as melloras que o Concello proporá figura a modificación do semienlace Viveiro Este, na conexión coa LU-862 en Celeiro, para facilitar a dobre circulación e permitir a incorporación á variante en sentido oeste e leste. E estudar a posibilidade de habilitar una rotonda.

Outro dos puntos que o Concello considera necesario revisar é o enlace Viveiro Centro. A proposta actual sitúa esa conexión nunha rúa unidireccional, polo que a administración local formulará o seu traslado á intersección da variante coa estrada provincial de subida ao Monte San Roque, na súa faldra, co fin de lograr unha conexión máis axeitada coa zona leste do núcleo e facilitar tamén o tránsito de vehículos pesados ligados á actividade forestal.

As alegacións municipais inclúen igualmente a incorporación da rotonda de conexión coa LU-540, prevista noutra das alternativas estudadas; a posibilidade de suplementar con carrís adicionais de tráfico lento as zonas de maior pendente; a avaliación dunha redución do radio dalgunhas curvas para facer máis idóneo o trazado e incrementar a velocidade de tránsito; e a valoración da execución de dúas novas pontes para salvar os cruzamentos dos regos de Silvoso e da Trasposta, co fin de minimizar o impacto e conservar os valores naturais destes cursos fluviais.

A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou que «o importante é que Viveiro poida contar cunha variante útil, ben conectada e pensada para resolver os problemas reais de mobilidade do municipio». A rexedora engadiu que «o Concello está a facer un traballo serio e rigoroso para presentar propostas que melloren o proxecto e que permitan avanzar cara a unha solución que contribúa a sacar tráfico pesado do núcleo urbano e mellore as conexións desde o punto de vista económico, loxístico e veciñal».

Desde o Concello insístese en que este período de información pública brinda unha oportunidade para perfeccionar o proxecto e contribuír a que a futura variante responda da mellor maneira posible aos intereses xerais de Viveiro.

Por este motivo, o goberno local convocará para o vindeiro martes 2 de xuño unha xunta de voceiros para debater e recoller suxestións compatibles tecnicamente coas posibilidades orográficas da zona e, así, consensuar entre todos as alegacións ao proxecto.

ÚLTIMAS

Cervo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa comunidade educativa

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun...

Ton Blanco: “En Galicia non houbo guerra, houbo unha represión e unha depuración moi duras”

-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que...

Continúan os labores de extinción nun edificio de Ribadeo

Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de...

Burela leva a Feira do Bonito a Festur 2026

O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de...